A xustiza europea condena o Estado español

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) é o supremo intérprete da Convención Europea de Dereitos Fundamentais (subscrita polos 47 Estados membros do Consello de Europa) e, xa que logo, ao abeiro do artigo 10.2 da Constitución, é a derradeira instancia xudicial española neste eido, con capacidade de corrixir mesmo ao Tribunal Constitucional.
Pois ben, o TEDH, como xa fixera noutras ocasións e como fixo no seu día o Tribunal Supremo USA (Texas vs Johnson, 1989, nunha sentenza na que mesmo manifestou que queimar a bandeira USA estaba abeirada na First Amendment da Constitución americana) vén de confirmar que a ofensa verbal á bandeira española non constitúe delicto ningún, senón que é unha manifestación da liberdade de expresión que abeiran a devandita Convención europea e a Constitución.
Os feitos ocorreron o 30 de outubro de 2014, no exercicio do dereito de libre manifestación pola CIG (sindicato maioritario no noso país) no Arsenal Naval de Ferrol na defensa dos dereitos laborais das persoas traballadoras da contrata que desenvolvía na altura o servizo público da limpeza do dique dese Arsenal. É dicir, nun contexto de exercicio cualificado do dereito á libre expresión e á protesta pacífica, como avalía agora o TEDH. O Almirante do Arsenal denunciou o sindicalista Paulo Fragoso Dacosta por ter manifestado, megáfono en man “aquí tedes o silencio da puta bandeira” e “hai que lle prender lume á puta bandeira”.
O Xulgado do Penal condenou Fragoso á pena de multa de 1.260 € con pena de cárcere substitutoria no caso de falla de pagamento, pena que foi confirmada pola Audiencia da Coruña. Fragoso recorreu en amparo perante o Tribunal Constitucional, que rexeitou o seu recurso por seis votos contra cinco logo de desbotar un relatorio do maxistrado conservador Andrés Ollero no que escribía o que declarou agora o TEDH: que condenar polo delicto de aldraxes á bandeira nestas circunstancias era desaquelado e vulneraba o dereito á liberdade de expresión do cidadán Fragoso Dacosta.
Agora o Estado español haberá devolver a devandita multa ao recorrente e indemnizalo con 6.000 € por danos morais. Mais a reacción pública habería ir máis aló. Habería de derrogar esta clase de delictos (aldraxes á bandeira, inxurias ao Xefe de Estado…) que son alleas ao Dereito das democracias occidentais, tanto coa doutrina da xustiza europea como coa da norteamericana.
Esta nova derrota internacional do Estado español, despois da sofrida pola suspensión nos dereitos do president Puigdemont como deputado de Catalunya acordada polo Tribunal Supremo español no 2018, anticipa outras que veremos nos vindeiros meses tanto no propio TEDH como no Tribunal de Xustiza da Unión Europea, e fai evidente que nos altos tribunais e institucións españolas é moito máis importante unha idea caduca da España única que o respecto pola liberdade e pola legalidade consagradas por esa Constitución coa que seguido enchen a boca.

Convenios colectivos galegos

O mesmo Mariano Rajoy vén de recoñecer que a reforma laboral do Goberno do Estado PSOE-UP (decembro de 2021) modificou dun xeito moi limitado a súa contrarreforma laboral de febreiro de 2012. Malia todo, cómpre recoñecer algúns avances substantivos: que pola vía da subcontratación non se degraden condicións de traballo ou reduzan soldos, que os convenios sigan vixentes mesmo despois de rematar a temporalidade pactada ou que os convenios de empresa non poidan reducir os soldos dos convenios sectoriais. Claro é que cómpre introducir reformas urxentes para sectores específicos que non se estudaron abondo no proceso dunha reforma planeada pola vicepresidenta Yolanda Díaz para a súa propia gloria, como a cuestión do persoal investigador, que precisa instrumentos contractuais específicos que substitúan á contratación eventual de obra ou servizo que agora fica proscrita.
O convalidamento do Decreto-Lei do Goberno do Estado no Congreso atópase en grave risco, pois semella que só conta con PSOE, UP, Más País, Teruel Existe, Cs e PRC (167), coa moi lonxana posibilidade que os 4 deputados do PdeCat escindidos do grupo de JuntsxCat puidesen pactar con Sánchez e Yolanda Díaz. Á marxe do voto en contra existencial do PP e Vox (141 deputados por xunto), para BNG, PNV, EH Bildu, JuntsxCat, CUP, ERC e Compromís (32 deputados) é fulcral a prevalencia dos convenios colectivos de ámbito autonómico (no noso caso, de ámbito nacional galego); non hai xeito de arrumbala ou esquecela. O que mesmo pode ser complexo para os 2 deputados da UPN elixidos canda Navarra Suma, para a deputada do centro-dereita canario de CC e máis para o deputado do centro-esquerda canario de NC.
Na Galicia o primeiro sindicato en votos e delegados é a CIG, mentres que en Euskadi ese posto perténcelle á ELA-STV que, canda a LAB, sobrancea maioritariamente nas representacións sindicais vasca e navarra. No sector público catalán tamén sobrancea La Intersindical. Velaí a realidade social que alicerza esa ferreña actitude do soberanismo plurinacional.
Pensando na realidade deste País, como xa escrebiu hai poucos días o profesor liberal Miguel Anxo Bastos (USC), as pemes galegas (mesmo determinadas empresas galegas sobranceiras, como as conserveiras) haberían preferir marcos laborais pactados a nível de País, onde puidesen negociar con bo suceso os seus intereses e non depender dos intereses da grande empresa que dirixe a CEOE, que segue con esa falsa ladaíña da unidade de mercado que só significa que as grandes empresas manden e lles quiten o mercado ás pemes locais.
Tanto ás empresas galegas como ás persoas traballadoras do noso País interésanos moito a prevalencia dos convenios colectivos galegos. E iso non llelo van dicir nin Pedro Sánchez nin Yolanda Díaz.

A esquerda española das promesas incumpridas

O ano 2022 comeza cos primeiros Orzamentos estatais aprobados desde 2018, cunha lixeira modificación da lexislación laboral xa vixente e cunha nova normativa que permite aos empregados públicos interinos con máis de cinco anos de antigüidade consolidar o seu emprego só a medio da avaliación dos méritos. Velaí a fachenda do Presidente do Goberno do Estado no seu discurso desta fin de ano.
Certo é que a solución para o emprego interino foi imposta pola xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE e pola decisión do PNV e ERC, que definiu unha resposta lexislativa que o antigo ministro Iceta rexeitaba. E certo é que as moi limitadas -malia que positivas- reformas da lexislación laboral manteñen o núcleo esencial da reforma de Rajoy de 2012, ademais de centralizar a negociación colectiva a nível estatal, impedindo que os convenios galegos melloren as condicións laborais. Velaí a oposición a esta reforma do soberanismo e sindicalismo galego, catalán e vasco. Cando a CIG é o principal sindicato en votos e delegados no noso País.
Despois de dous anos de goberno de coalición estatal PSOE-UP e de máis de tres anos e medio de Gobernos Sánchez, a esquerda española non foi quen de derrogar a chamada “lei mordaza” nin de reformar o Código Penal para suprimir delictos que xa non existen na Europa, como as inxurias ao Rei ou a sedición, que permitiu as desaqueladas condenas do Tribunal Supremo de 2019 ás persoas presas políticas catalás ou para suprimir unha prisión permanente que é incompatíbel cos principios de resinserción que alicerzan as lexislacións penais das democracias europeas. Tampouco cumpriu a súa promesa dunha reforma da lei educativa que lle devolvese aos Gobernos autonómicos a responsabilidade a respecto dos contidos educativos, nomeadamente nas nacións con lingua propia.
Pedro Sánchez conta xa coas ferramentas parlamentarias para agardar os menos de dous anos que fican de lexislatura e que en moi boa parte llelas deron de balde ERC e EH Bildu. Desaproveitouse e séguese a desaproveitar a capacidade de transformación normativa e da gobernanza da coalición parlamentaria que fixo posíbel en xaneiro de 2020 a investidura de Pedro Sánchez, mentres este e Yolanda Díaz impoñen unha axenda lexislativa moito máis próxima á continuidade monárquica da transición que á transformación pola que votou a maioría en novembro de 2019.
A esquerda española está a incumprir as súas promesas e non é quen de percurar novos alicerces que lle conecten coa cidadanía. Velaí que estean a desbotar unha oportunidade histórica que pode entregarlle as chaves do vindeiro Goberno do Estado ao dúo de dereita radical do PP de Casado e Ayuso e o Vox de Abascal.

O Constitucional racha coa Europa

O Tribunal Constitucional (TC) rexeitou por seis votos contra cinco (o posto duodécimo ficou vacante desde que Fernando Valdés demitiu hai semanas) o recurso de amparo do sindicalista galego Paulo Fragoso (CIG) contra da sentenza do Xulgado do Penal nº 1 de Ferrol (confirmada pola Sec. 1ª da Audiencia coruñesa) que o condenara a 1.260 € por un delicto de ultraxes á bandeira do Estado. Cómpre lembrar que en novembro de 2018 caducara o mandato do demitido Valdés e doutros tres maxistrados do TC.
Esta sentenza racha coa doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que xa ditaminou que a liberdade de expresión abeira esta caste de condutas, como tamén a de queimar retratos do Xefe de Estado. Neste sentido, dous independentistas cataláns condenados por queimar estes retratos (sentenza penal tamén confirmada no seu día polo TC) obtiveron unha sentenza que declarou contraria a devandita condena á liberdade de expresión recoñecida na Convención Europea de Dereitos Fundamentais que interpreta o TEDH.
O TEDH coincide nesta interpretación ampla da liberdade de expresión co Tribunal Supremo dos USA (TSUSA), que en varias ocasións ten recoñecido que queimar a bandeira dos USA constitúe un acto lexítimo, abeirado na liberdade de expresión recoñecida na Primeira Emenda á Constitución USA. TEDH e TSUSA, porén, non coinciden sempre nos límites da liberdade de expresión. Mentres o TEDH mantén un concepto comunitario da liberdade de expresión e non protexe abusos da mesma como os delictos de expresión de odio, por se tratar de agresións á orde xurídica baseada nos dereitos fundamentais e na dignidade das persoas, o TSUSA defende unha interpretación individualista que descoñece esta categoría dos delictos de odio, permitindo toda expresión que non supoña unha chamada inmediata e directa a un acto de violencia delictiva.
A Constitución dispón que a interpretación dos dereitos fundamentais sexa realizada consonte cos Tratados internacionais asinados polo Estado. O TEDH é o máximo Tribunal neste eido en todos os Estados da Unión Europea e nos restantes do Consello de Europa. É, sinxelamente, o que máis ordena na unificación xurisprudencial no eido dos dereitos fundamentais no Estado español.
Xa que logo, esta sentenza do TC é ilegal e ilexítima. E, o que é máis grave, racha coa definición europea da democracia e das liberdades.

Alcoa: dous gobernos inoperantes

O xornalista galego José Luis Gómez vén de explicar a xeito que o problema do proxectado peche da factoría de aluminio primario de Alcoa non é só -nin nomeadamente- un problema de tarifa eléctrica, senón unha decisión que xorde da nova fasquía de Alcoa desde o 2014, orientada estratexicamente cara á fabricación de motores para a industria aeroespacial e alúmina. Velaí que queira pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao como pechou outras catorce no mundo. Mais quere manter a fábrica de alúmina (moito máis intensiva, por certo, no uso da enerxía eléctrica) e o uso excluínte dun porto público -o mariñao de San Cibrao-.
O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 ha. de capacidade e xa case chea. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de denunciar os gravísimos riscos para a vida humana e animal, para o ambiente natural próximo e máis para as actividades acuícolas que se desenvolven na veciñanza.
Para máis, Alcoa recibiu nos últimos anos 38 M€ de subvencións públicas que poderían serlle reclamadas de volta no caso de pecharen a devandita fábrica de aluminio primario.
Con todos estes dados ,o Goberno do Estado semella non se decatar do contexto e non tira proveito das súas armas: uso excluínte por Alcoa do porto público para a súa actividade esencial de produción de alúmina, reclamación dos 38 M € achegados en axudas públicas e busca de socio industrial para unha estatalización viábel no novo marco xurídico da Unión Europea.
Pola súa banda, a Xunta de Núñez Feijóo semella non se decatar da forza que habería facer co eventual incumprimento ambiental de Alcoa. Tampouco que Alcoa podería ser suxeito esencial do Consorcio aeroespacial que se quere desenvolver (semella, tamén que sen alicerces estábeis) a medio da estrutura física de Rozas-Lugo e da titulación universitaria da Uvigo no campus de Ourense. Nin das posibilidades xurídicas de nacionalización desde as competencias industriais do Goberno galego.
Desde o coñecemento do contexto económico amosado polo xornalista José Luis Gómez e do contexto xurídico (europeo, estatal e estatutario galego) reflectido nas recentes manifestacións do profesor da UDC Carlos Aymerich, semella que a proposta de máximos do conxunto da sociedade mariñá e do BNG, UGT, CC.OO e CIG é a única viábel. E que os Gobernos galego e do Estado, desde a súa inoperancia industrial a respecto do problema de Alcoa, constitúen arestora parte do problema.
Certo tamén que a adicional inoperancia do Goberno do Estado a respecto do estatuto da industria electrointensiva é fulcral para a sobrevivencia de Ferroatlántica, Megasa e outras varias industrias galegas. Mais esta é outra historia.

Solución pública para Alcoa

A decisión da multinacional Alcoa de pechar na vila mariñá de San Cibrao a única fábrica de aluminio primario de Galicia -e da Península Ibérica- supón a perda de 534 postos de traballo directos e uns 280 indirectos, con gravísimos efectos a respecto de milleiros de familias na Mariña toda. Pensemos que o complexo de Alcoa (que integra esta fábrica coa moi rendíbel de alúmina que seguirá a traballar) supón o terzo do PIB da provincia de Lugo. Unha catástrofe económica para a bisbarra mariñá e para todo o Norte de Galicia.
Desde que chegou á Moncloa -hai xa dous anos-, o Goberno Sánchez non foi quen de aprobar un estatuto para a industria electrointensiva que reduza o elevadísimo custo da enerxía eléctrica para estas actividades. Na Galicia exportamos case o 40% da enerxía que producimos, sofrindo os seus custos ambientais e paisaxísticos. A falla de rendibilidade da fábrica de aluminio de Alcoa subvenciona o consumo doméstico do barrio de Salamanca e do resto de barrios de Madrid.
Canto á Xunta, Feijóo segue a facer o que mellor sabe: botarlle a culpa aos demais, demitindo das súas responsabilidades como presidente deste País. Mentres o president Torra está a abrir negociacións directas cos directivos da Nissan no Xapón, o dos Peares renunciou interpelar aos directivos norteamericanos de Alcoa. Como xa dixo cando se declarou o estado de “alarma” canda a pandemia da Covid-19 “é un problema do Goberno central”.
Mais non haberíamos esquecer a principal responsábel, que é a propia Alcoa. Unha multinacional que pecha a fábrica de aluminio de San Cibrao porque no contexto do oligopolio mundial lle é moito máis rendíbel producir noutros lugares do mundo. Mais neste contexto ao mellor non matinou en que no novo paradigma europeo postpandemia é factíbel asumir o control estatal en empresas estratéxicas. Para Alcoa producir aluminio en San Cibrao pode non ser moi rendíbel, mais non pode ser viábel outro actor internacional producindo aluminio desde San Cibrao?
Velaí que a proposta de estatalización desta actividade produtiva, formulada polo BNG, CIG, UGT e CC.OO., semella unha solución merecente de fondo estudo, tendo en conta que sería posíbel pór recursos enriba da mesa, como os 38 M€ achegados en axudas públicas á multinacional nos últimos anos para o mantemento dos postos de traballo e máis o orzamento de indemnización extintiva dos traballadores e do propio peche físico.
É urxente estudar unha solución pública que incorpore Alcoa ao sector público estatal, coa participación da Xunta no órgano de administración. Mais priorizando unha xestión profesional, mesmo procurando un socio privado industrial que poida viabilizar a fábrica de aluminio primario de San Cibrao no contexto dos mercados internacionais.

A tarifa da aldraxe

Os consumidores e empresas galegas sofren a aldraxe dunha tarifa eléctrica única española que castiga a produción e o consumo industrial e prima o transporte para o consumo doméstico dos territorios non produtores, como Madrid. É dicir, que Galicia sofre o custo social, paisaxístico, ambiental e mesmo económico (asulagamento por encoros de terras moi produtivas agrariamente), exporta case o 40% da electricidade que produce e ten que pagala ao mesmo custo ca Madrid. Desculpen, non é verdade. Ten que pagala máis cara ca Madrid porque ao prezo único estatal se lle engaden os tributos autonómicos que gravan a produción.
O sistema eléctrico español vulnera varias Directivas europeas ao primar o transporte da enerxía no canto de promover o consumo a carón da produción, reducindo os custos do transporte eléctrico (30% do total da factura). Ademais, establece, contra o principio de libre concorrencia que alicerza o Dereito europeo, o monopolio do transporte de alta tensión a prol de “Red Eléctrica de España (REE)”, que gaña 300 M€/ano por mor duns prezos abusivos que aproba o propio Goberno do Estado. Un sistema ineficiente que explica que o Estado español sexa o terceiro da UE coa electricidade máis cara.
Mais á ineficiencia hai que lle engadir a arbitrariedade. Porque constitúe unha aldraxe que nós, produtores, teñamos que pagar a electricidade máis cara ca os madrileños que non producen electricidade. Porque constitúe unha gravísima pexa para a nosa competitividade que non poidamos tirar beneficio da exportación dese 40% de electricidade que producimos de máis, atraendo investimentos industriais cos custos enerxéticos máis baixos que haberíamos estar en condicións de ofertar. Porque nun país produtor de enerxía é unha gravísima inxustiza que 500.000 persoas galegas (máis do 18% da poboación) sofran pobreza enerxética.
A CIG soubo promover unha iniciativa lexislativa popular que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento deste país, mais que agora se atopa atoada pola política dependentista de Feijóo. A mesma que bloqueou o traspaso da AP-9 e que teima día a día por subordinar os intereses galegos aos das elites mediáticas, financeiras e políticas do Estado que lle dan vida ao tripartidismo dinástico.

A xogada de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57 % de Ferroglobe –o 43 % restante pertence aos socios da compañía norteamericana Globe Speciality Metals–, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría –400 postos de traballo directos e indirectos–, segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir contra ese carácter inescindíbel. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar a venda das centrais hidroeléctricas, existindo un acordo de venda definitivo, só pendente da aprobación por Augas de Galicia, da escisión das concesións hidroeléctricas. O fondo canadense Brookfield pagaralle polas concesións –é dicir, polo dereito a explotar privativamente a nosa enerxía hidroeléctrica– 255 millóns de euros.
Ferroglobe manifestoulle aos sindicatos estatais que só a venda das concesións podería salvar os empregos das fábricas. Velaí que os sindicatos estatais apoiasen esa escisión das concesións como suposto único instrumento para viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte e dos alcaldes todos da bisbarra.
Ferroglobe afirmou que a Xunta haberíalle permitir a escisión das concesións antes do 31 de maio para que sigan en vigor os compromisos do Plan Industrial. Malia esta urxencia, a solicitude de escisión presentouse en Augas de Galicia o 11 de maio e arestora (27 de maio) está pendente dun informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.
Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida. Porén, os 255 millóns de euros que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio na Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57 % de Ferroglobe, nin o presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. Non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo, senón polo desleixo na xestión industrial do Grupo en Galicia. A factoría de Cee está como hai trinta anos e Ferroglobe leva máis de vinte incumprindo a promesa de instalar o forno número trece.
Xa que logo, o Plan Industrial aprobado en Madrid é un mero desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda clase de sospeitas, á vista da falla evidente de argumentos xurídicos e económicos.

A chantaxe de Villar Mir

O Grupo Villar Mir é propietario do 57% de Ferroglobe, empresa titular de seis concesións administrativas para a produción de enerxía hidroeléctrica nos ríos Xallas e Grande do Porto, na nosa Costa da Morte. Estas concesións son inescindíbeis da actividade industrial das fábricas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría (400 postos de traballo directos e indirectos), segundo ditaminou no 1994 a Xunta no título concesional e foi logo confirmado polo TSXG e polo TS, que desestimaron os recursos de Villar Mir. Ferroglobe tamén é propietario dunha fábrica de silicio en Sabón-Arteixo e desenvolve alí un proxecto de I+D para fabricar silicio solar, que dá emprego a 29 traballadores.
Ferroglobe sostén unha grande débeda financeira e di precisar con urxencia (este mesmo ano) da venda das centrais hidroeléctricas, coas que conta ingresar 255M€ do fondo canadiano Brookfield. Velaí que aprobase un acordo cos sindicatos estatais para que apoien esa escisión das concesións como único instrumento de viabilizar un Plan Industrial que garanta o mantemento do emprego nas fábricas do Grupo no Estado. A CIG rexeitou negociar este acordo, que conta coa oposición unánime de todos os traballadores do Grupo na Costa da Morte.
O asunto está claro. Se a Xunta permite esta escisión de activos e ulterior venda, as fábricas de Cee e Dumbría serán inviábeis e a Costa da Morte perderá eses 400 postos de traballo e a principal actividade industrial dunha bisbarra economicamente deprimida.
Porén, os 255 M€ que potencialmente entren na caixa de Ferroglobe non garanten en absoluto o mantemento do emprego das fábricas de silicio n’A Coruña, máis aló do valor da sinatura dos directivos do Grupo Villar Mir no acordo asinado en Madrid o 8 de abril último. E nin Villar Mir, propietario do 57% de Ferroglobe, nin o Presidente desta empresa, o seu xenro Javier López Madrid, semella que teñan a máis mínima credibilidade, á vista das sospeitas sementadas pola súa actuación persoal e empresarial. E non só polas pescudas que coñecemos da Operación Lezo.
A Xunta non ten razóns xurídicas, económicas nin políticas para apoiar un Plan Industrial que é mera expresión dun desideratum. Autorizar a venda das centrais eléctricas de Ferroglobe separadas das fábricas de ferroaliaxe sería un erro moi grande que xeraría toda caste de sospeitas.

Electricidade máis barata na Galicia

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a toma en consideración dunha iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida polo sindicato nacionalista CIG para facer posíbel unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia, que aforraría nun 30% as chamadas peaxes da enerxía, co que se acadaría para os consumidores galegos unha media dun 12,5% de rebaixa na factura eléctrica. Cómpre salientar que as peaxes supoñen o 41,5% da factura da luz e o consumo só o 37,5%. O resto son impostos.
Galicia sofre custos ambientais e sociais moi importantes para producir electricidade eólica, térmica ou hidroeléctrica e o 40% desta electricidade consúmese fóra do noso País. Velaí a racionalidade desta proposta. Porque a tarifa eléctrica única para todo o Estado foi imposta por Franco no 1951 e non se aplica nas principais democracias occidentais (USA, Reino Unido, Austria, Alemaña), que. pola contra, tentan que haxa unha real competencia e pluralidade, tanto na xeración como na distribución eléctricas.
A tarifa única española grava aos países produtores como Galicia e aos grandes consumidores industriais, lastrando gravemente a competitividade industrial galega e, en xeral, a española. O sistema está pensado no capitalismo castizo de amiguetes e na visión centralista das cousas típica do bipartidismo dinástico. Beneficiando ás grandes distribuidoras e aos territorios de grande consumo doméstico, como Madrid, que case non xera enerxía.
A ILP contempla, tamén, a obriga da Administración galega de remediar a pobreza enerxética das familias, definindo esta como a situación na que se gasta máis do 10% dos ingresos familiares en luz e gas e non se garante unha temperatura constante na casa entre 18 e 21 graos.
Que os galegos nos decatemos de que esta tarifa eléctrica é unha estafa non gosta en Madrid. Recentemente, en portada, o xornal “Cinco Días” alcumaba de insolidaria e inconstitucional esta proposta. De inconstitucional non ten nada, só require da reforma dunha lei ordinaria, a Lei do Sector Eléctrico. E, canto á solidariedade… que lles parece producir electricidade, pagala máis cara e que, aínda por riba, perdamos todos os anos 500 M€ de financiamento local e 1460M€ de financiamento autonómico por mor da voracidade da Administración do Estado?
Con que dereito nos alcuman de insolidarios?