Madrid: un (o) problema de Estado

A tensión xerada polas diverxencias sanitarias entre o Goberno rexional de Madrid e o Goberno do Estado fixo agromar, porén, un consenso implícito de ambos os dous Gobernos a respecto da especialidade da rexión madrileña como auténtica cerna do Estado, de xeito que Madrid é o núcleo fundamental de España e España só se podería entender dende o seu centro, desde Madrid.
Velaí que políticos e analistas tenten dexergar as razóns e consecuencias desta hexemonía madrileña. Unha hexemonía construída desde a elección da capital máis afastada das costas e fronteiras da Europa, desde a planificación radial das estradas e camiños de ferro e, máis modernamente, desde a converxencia de obxectivos entre a privatización a prol de grupos con sede en Madrid das empresas públicas dos sectores regulados, o destino masivo de recursos en infraestruturas a prol da Vila e Corte (lembremos aquel billón de pesetas -con b de burro- dos Fondos de Cohesión investidos na ampliación do aeroporto de Barajas) e máis o dumping fiscal do Goberno rexional, que na práctica suprimiu os Impostos de Patrimonio e Sucesións e Doazóns, atraendo grande número de residentes doutros territorios do Estado.
Das resultas destes procesos (uns consubstanciais á definición do Estado español borbónico, outros propios dos últimos trinta anos), a rexión de Madrid representa hoxe en día o 19,2% do PIB con só un 1,6% do territorio. Mais esta xeración do PIB non xorde dunha base produtiva dinámica, diversificada ou competitiva, senón nomeadamente do efecto da capitalidade. O 29% dos empregados públicos do Estado ubícanse na Vila de Madrid. O 60% das licitacións do sector público estatal adxudícanse a empresas con sede social en Madrid. O 45% dos empregos de Madrid son altamente cualificados, actuando como aspiradora dos graduados universitarios do resto do Estado.
Porén, a actividade económica non vencellada ao sector público nin aos sectores regulados (banca, seguros, distribución eléctrica e lobby construtor-concesional) artéllase na costa (arredor dos eixos atlántico galego, cantábrico, e mediterráneo) e do val do Ebro. A única multinacional do Estado de base industrial e comercial, Inditex, xurdiu na Galicia.
As elites económicas, políticas, funcionariais e mediáticas de Madrid constitúen o Deep State, o Poder real no Estado, permanente ás remudas electorais, institucionalizado na permanencia da Xefatura do Estado na familia Borbón. Estas elites recentralizaron a lexislación do sector eléctrico para impedir que Galicia ou calquera outro territorio puidese quitar beneficio da explotación das enerxías renovábeis, apostaron por tentar garantir a continuidade de ENCE até 2060, fixaron en 4.000M€ a indemnización a Florentino Pérez pola desfeita do Castor e sempre se opuxeron -como vén de escribir Xavier Alcalá- contra calquera ubicación de axencias e ministerios estatais fóra da megalópole do oso e do albedro.
Unha federalización real habería suxeitar a rexión de Madrid á vontade dos territorios (como os Estados da Unión exercen o control da capital federal, Washington, privada de autonomía política por ser distrito federal) e limitar a súa autonomía tributaria para evitarmos o dumping fiscal. Alén disto, cumpriría a menor coincidencia das capitais política e económica, coincidencia que é incompatíbel coa gobernanza federal, como nos aprenden os exemplos dos USA, Canadá, Australia, Alemaña e Suíza.

A España inviábel

O problema para Galicia non é só que os seus alicerces económicos estratéxicos sexan para o Estado prescindíbeis, como vimos nestas semanas coas crises dos sectores naval e leiteiro. Ou que Galicia non poida gobernar os seus portos, doutro xeito seguro referente da grande autoestrada do mar que vai dende Londres, Antuerpe ou Rotterdam á nova Canle de Panamá. Ou que non teña voz propria en Bruxelas para defender os nosos intereses.
O problema, ademais, é que Galicia conta moi pouco (5,5% do PIB e 6% da poboación) nun Estado español artellado de xeito absurdamente radial e centralizado. Un Estado que gastou dos Fondos de Cohesión europeos 6000 M€ (un billón das vellas pesetas) no novo aeroporto de Madrid, coa idea -para ben xa fracasada- de que case todos os aeroportos españois tivesen que enganchar con Madrid para as conexións internacionais. Un Estado que priorizou sobre os necesarios eixos ferroviarios cantábrico (Euskadi-Galicia), mediterráneo (La Junquera-Almería) e atlántico (A Coruña-Sétubal) un AVE concibido radialmente, con centro en Madrid e nula interconexión entre os distintos territorios, ademais de como tren só de pasaxeiros, inhábil para a intermodalidade dos portos e das mercadorías. Un AVE que absorbe todo o investimento do Estado na Galicia fronte a outras necesidades, como a conexión ferroviaria dos portos exteriores d’A Coruña e Ferrol.
O Estado potencia “ad infinitum” o efecto-sede de Madrid. A tarifa eléctrica deséñase á medida do grande consumo doméstico dun Madrid que non produce enerxía. Todas as grandes empresas dos sectores regulados e servizos administrativos estatais instálanse aló. E, até cando nace un proxecto novo e ilusionante, como o de Podemos, enténdese que se pode concibir radialmente dende a Universidade Complutense sen lle preguntar moito á cidadanía que alí chaman “periférica”.

A arrincadeira: O capitalismo castizo do BOE e Inditex.
Na economía española manda o capitalismo castizo do BOE, co seu IBEX 35, no que sobrancean as empresas bancarias ou de sectores regulados, agás o caso de Inditex, que confronta con este modelo económico pola súa competitividade internacional e pola súa relativa falla de dependencia a respecto das decisións políticas de Madrid. Un Inditex fulcral para entendermos economicamente A Coruña.

Europa non é o problema

Falábamos hai días nesta columna da decepción da cidadanía a respecto do proceso de integración europea, tendo en conta o seu déficit democrático, a falla de profundización na unidade política, a falla de control cidadán do Banco Central Europeo e ter adoptado unha unión monetaria sen establecer, ao tempo, un amplo orzamento federal e a coordinación das distintas políticas fiscais.
Porén, Europa non é o problema, como seica defenden moitas forzas de esquerda radical en Galicia e no resto do noso continente. Cómpre transformar esta Unión para construír a Europa dos cidadáns e dos pobos, mais cómpre, tamén, recoñecer o avance exercido polo proceso de integración a respecto da Europa comesta polas guerras e máis o marco de estabilidade que ofrece. Non por acaso, se non chegamos a pertencer á Unión Europea, o Goberno do Estado podería estar a intervir militarmente en Catalunya.
Aínda hai máis. Moitas das decisións adoptadas no marco europeo e que teñen xerado efectos prexudiciais para Galicia son responsabilidade do Estado español. Foi Aznar quen consentiu a prohibición da construción naval civil nos estaleiros de Fene en troques de que lle permitisen reflotar unha Navantia eivada pola ineficiencia dos seus estaleiros gaditanos e cartageneros. Foi Felipe González quen reestatalizou en grande medida as políticas de reequilibrio rexional o ao propor que os Fondos de Cohesión fosen directamente investidos dende o Goberno estatal e foron este e Aznar os que investiron un billón das vellas pesetas destes Fondos na construción da nova T4 do aeroporto de Barajas. Foi o mesmo González o que desarmou a nosa industria e priorizou as producións mediterráneas a respecto da agrogandaría e da pesca galegas nos Tratados de Adhesión do 1985. Foron PSOE e PP os que impuxeron a circunscrición única electoral no seu propio beneficio. E foron os sucesivos Ministros de Agricultura e Medio Rural do PP e PSOE os que orientaron as subvencións agrarias a prol dos grandes latifundistas casteláns, andaluces e estremeños.
O problema, pois, é moito máis España ca Europa. E a solución máis Galicia, máis e mellor Europa e menos protagonismo e competencias para o Estado.

A decepción europea

A fins desta primavera vanse celebrar as eleccións ao Parlamento Europeo, prognosticándose unha moi baixa participación electoral e unha clara orientación do voto cara opcións de extrema dereita e da esquerda antisistema, manifestando deste xeito o rexeitamento da cidadanía europea á UE e aos seus efectos na vida cotiá da cidadania europea. Semella, tamén, que este fenômeno será moito máis nidio nos Estados do sur da Europa.
Os europeístas dos primeiros 50 do século XX apostaban pola construción federal e partillaban do pacto da post-guerra, construído polos democristiáns, social-liberais e socialdemocratas arredor do Estado de benestar, a cohesión social e a economia de mercado. Mais axiña a vella CEE xirou cara unha construción económica limitada de pequenos pasos, o chamado avance funcionalista, que arquivou a idea federalista e a construción política, deseñando unha complexa e pouco democrática urdime institucional que compatibiliza un Parlamento elixido democraticamente, uns omnipresentes Estados que monopolizan as decisións dos Consellos Europeo e de Ministros e un Banco Central Europeo alleo a todo control democrático, ao que se lle veta financiar directamente aos Estados e se lle orienta ao control da inflación, deixando inermes aos Estados e territorios do Sur da Europa diante da ausencia de ferramentas fiscais e orzamentarias por parte da UE. Unha Unión, asemade, que só orzamenta para desenvolver as súas políticas pouco máis do 1% do PIB europeo, fronte ao 6-7% do gasto federal USA.
Porén, para contar a decepción europea de Galicia cómpre non só falar das graves chatas da construción europea, senón tamén dos prexuizos xerados por unha política española que desarmou a agricultura, pesca e construción naval do noso País e desnaturalizou a política de equilíbrio territorial europea, alicerzada nuns Fondos Estruturais de xestión obxectiva e rexionalizada, para substituíla, en grande parte, por uns Fondos de Cohesión, manexados dende Madrid e investidos nomeadamente en Madrid, Andalucía e o Centro peninsular.
Hai solucións? Habelas hainas, malia que moi complexas. E son máis rendíbeis e practicábeis as transformadoras desta UE que as que apostan por esfarelar a mesma ou abandonar a súa estrutura. Habemos ter opción de debullalas nos nosos encontros vindeiros.