O imperio español e as súas elites extractivas

España nunca foi nación nin unión estábel e voluntaria de países e cidadáns.

Algo de historia
Castela sempre xogou ser un Imperio. Ben o saben os cataláns, que loitaron até a morte no 1714 sabedores da que lles viña enriba. Tamén os fillos da Euskal Herria defensores do equilibrio social das leis vellas, sobre todo na guerra de 1833-1840. Ou os portugueses cando recuperaron a súa independencia no 1640, xusto cando andaluces e cataláns revolvíanse tamén en defensa das asúas liberdades. En canto a Galicia axiña entendeu que a unión persoal do reino de Galicia co de Castela na persoa de Fernando III (II de Galicia) no 1230 ía supor a asimilación… Velaí as revoltas galegas de 1369 e 1474, cando amplos sectores da aristocracia e da burguesía vilega galegas defenderon a reunificación galego-portuguesa e o noso afastamento de Castela. Velaí a revolta cívico-militar galega de 1846, que quixo restaurar as liberdades galegas e a xustiza social fronte á ditadura borbónica de Narváez.
A Coroa de Castela exportou ás Indias as institucións propias do vicerreinado concibidas para a opresión do reino de Galicia: Adiantados Maiores ou Gobernadores e Capitanías. E, despois do setembro a lume e ferro de 1714, ocupada pola rapacidade dos Borbóns, deseñou unha España peninsular gobernada desde a mentalidade do Imperio.
E, como dicía o castelán Nebrija, siempre fue la lengua compañera del Imperio. A imposición do castelán non foi un invento de Franco. Porque xa os Borbóns do XVIII consagraron a exclusividade da lingua castelá nas escolas públicas e privadas. En 1896 a lei impuxo a prohibición do catalán, euskera, galego e asturiano nas comunicacións telefónicas.

A radialidade das comunicación peninsulares
O primeiro Borbón, Felipe V, despois de derrogar as liberdades catalás, valencianas, mallorquinas e aragonesas, aplicouse á tarefa de definir unha rede de estradas penisular radial, con centro na entón pequena vila de Madrid, malia constituír (daquela e hoxe en día) os eixos atlántico (galego-portugués), cantábrico, mediterráneo e o do val do Ebro os vectores que conectaban os territorios produtivos.
O Estado liberal do século XIX trasladou esta radialidade á rede ferroviaria, até chegarmos ao AVE actual, que penaliza o transporte de mercadorías a respecto do de pasaxeiros e prioriza até o absurdo o hub madrileño. Lembremos os 6.200 M€ (máis dun billón -con “b” de burro- das vellas pesetas) que os fondos europeos destinados ao reequilibrio territorial soterraron no novo aeroporto de Madrid-Barajas. Ou o resgate das “súas” autoestradas madrileñas.
A teimosía do Imperio en manter a radialidade chega ao absurdo de pretender que o eixo mediterráneo pase por Madrid ou pola recente priorización da alta velocidade ferroviaria Lisboa-Madrid na cimeira luso-española do último outubro, priorización decididamente rexeitada por un Goberno portugués que sabe que a súa prioridade, canda as da cooperación transfronteiriza europea, é o eixo Compostela-Vigo-Porto-Lisboa.

Recentralización económica e dumping fiscal
Foi, pois, un proxecto imperial e non inclusivo o que empoderou Madrid como capital política e centro do sistema de infraestruturas do Estado. Como vén de lembrar Ferran Martínez en Valencia Plaza, desde mediados do século XX (engadiríamos nosoutros que, nomeadamente, dende a involución territorial de 1981-82) estas foron as pancas para converter Madrid no centro neurálxico das finanzas, a sede das grandes empresas españolas (fenómeno radicalizado ad infinitum despois da ondada privatizadora das empresas públicas da SEPI nos últimos anos de goberno de Felipe González e primeiros do aznarato). Hoxe en día Madrid é a sede de máis da metade das principais 1.000 empresas españolas. O 60% das licitacións publicas son adxudicadas a empresas con sede en Madrid. Case o 30% dos funcionarios públicos e o 21% dos empregados máis cualificados traballan na rexión madrileña. Malia ter só 1,6% do territorio amorea un 19,2% do PIB estatal e absorbeu o 85,2% do investimento directo exterior. A súa renda per cápita anual está por riba dos 35.000 €, un 36% por riba da estatal e un 16% por riba da europea. E todos estes números cunha participación industrial no PIB madrileño de só un 10%.
O Estado das Autonomías ofreceulle a Madrid, ademais, a posibilidade de se converter nunha comunidade autónoma con competencias fiscais equiparábeis a calquera outro territorio, cando o efecto-sede da súa cualidade de capital política e centro neurálxico aconsellaba: i) reducir o devandito efecto-sede descentralizando institucións e servizos públicos ou favorecendo a especialización doutras cidades, como ocorre nos sistemas federais alemán, australiano ou canadiano, e ii) definir Madrid como distrito federal ou como parte de Castela, evitando a posibilidade do actual dumping fiscal.
Porque a inducida retroalimentación da economía madrileña xerada polo efecto sede, xunto cos amplos investimentos públicos dos que se beneficia e unha política económica que privatiza servizos e afonda nas desigualdades, mesmo intramadrileñas (moitos soldos nos sectores de coidados e hostalería son verdadeiramente baixos) atraeron a Madrid a residentes doutros territorios de grandes rendas e patrimonios, para desfrutar do seu marco fiscal favorábel ás grandes fortunas, quer no IRPF e Patrimonio, quer no Imposto de Sucesións.
Das resultas do proceso de recentralización económica, potenciación do efecto sede e hub de toda caste de infraestruturas de transporte e dumping fiscal Madrid baleirou a Meseta e está a piques de baleirar o propio Estado español, nun continuo efecto aspirador.
Convén precisar que este proceso, como xa vimos, ten raiceiras na antiga Coroa de Castela, continuou cos Borbóns, afondou co Estado liberal, a Restauración e o franquismo e presidiu a xestión dos gobernos do PP e do PSOE durante toda a transición, sen que a esquerda española fixese a menor autocrítica a este proceso, agás puntuais críticas do último goberno socialista andaluz.
Certo é nos últimos cinco anos xurdiu unha potente crítica desde a Generalitat valenciana, gobernada polo PSPV e Compromis, alicerzada polos estudos do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas. Unha crítica que, por primeira vez desde posicións socialistas, relaciona o efecto sede ou aspiradora co dumping fiscal, sen analizar illadamente este.
Cando isto escrebo recebín unha mensaxe de whatsapp vía un persoeiro da Federación Socialista madrileña que denuncia que a deterioración dos servizos públicos madrileños só é posíbel pola recadación inducida polo efecto-sede, mais considera que Madrid constitúe o laboratorio da dereita española para todo o Estado desa deterioración como vía á súa redución e privatización. Benvidos á realidade.

As solucións políticas
Sen o PSOE, pola súa posición fulcral no taboleiro político, non será posíbel unha solución político-territorial a este problema. Neste senso, esa concienciación da periferia socialista é positiva, mais non é abondo, nin serve para achegarmos unha solución. Non mentres sexa tabú a Institución monárquica, chave de bóveda do sistema do palco do Bernabeu e a descentralización real do Poder político e económico.
Como vén de escribir no seu blog Iñaki Anasagasti (aloxado no xornal vasco Deia) Madrid constitúe a sede das elites extractivas do Estado: a Casa Real, o corpus político, moreas de altos funcionarios, cimeira xudicial e militar, consellos de administración e principais asesores das maiores empresas… Unha poboación que non produce, mais que precisa de moreas de recursos. Unhas elites que manteñen o poder económico e político (goberne quen goberne na praxe, vid. caso Pérez de los Cobos), que manexan o Deep State e que, como di Anasagasti “…no conciben un modelo territorial que no rodee la Puerta del Sol, pero además han sido capaces de generar un proyecto de Estado que aglutine a los que ellos llaman la periferia que cada vez más, es aquello más allá de la M-30”.
Estas elites abusan da xente e mesmo traizoan á propia cidadanía do Estado, como ten escrito recentemente Paul Preston, mais foron quen a partillar cosmovisión con sectores populares previamente encirrados contra os soberanismos catalán, vasco, valenciano ou galego, os sectores do “a por ellos”, que son os que máis sofren do absurdo deste Estado dominado por esas elites extractivas do palco do Bernabeu. Mais este consenso entre moitos dos de embaixo cos de enriba só é posíbel porque España non construíu ao longo da historia unha convivencia democrática de cidadáns, senón un Imperio de súbditos.
Se a esquerda española entendese que a chave do progreso económico, da liberdade e da xustiza social pasa pola reformulación dos Poderes políticos e económicos do Estado en chave federal ou confederal (e sempre plurinacional) habería unha oportunidade para esa transformación. Mais, despois do camiño que adoptou o PSOE despois do discurso real do 3-Ou, despois do seu apoio ao 155 e da súa defensa da irresponsabilidade e corrupción monárquicas, os soberanistas periféricos temos dereito a ser desconfiados.
Estou con Iñaki Anasagasti cando di que España estará máis perto dunha reorganización en chave federal e plurinacional que viabilice mesmo a súa economía e a súa débeda se Catalunya acada de vez a súa independencia. Porque, como dixo o político do PNV “…si el 20% del PIB estatal desaparece España tendrá que cambiar de modelo de gestión, sí o sí”.

Menos mal que nos queda Portugal

Xa cos primeiros Borbóns, a mediados do século XVIII, definíronse as comunicacións por estrada dentro da península ibérica de xeito radial, malia que daquela as estradas a Madrid chamábanlle de Castela (Madrid era daquela un pobo sen muralla nin rúas de pedra). O primeiro camiño de ferro da península foi o Matarò-Barcelona, mais axiña o favor da Monarquía borbónica e dos seus Gobernos a prol de determinados traxectos construíu unha rede ferroviaria radial con centro na vila de Madrid. Ronsel que seguiu Primo de Rivera no seu plan de estradas dos anos 20 do século pasado. Valentín Paz Andrade cóntanos como no 1925-26 a reivindicación dun bo camiño de ferro entre Galicia e Francia (fronte ao tren de Madrid que seica cumpría priorizar, segundo dicía o entón gobernador) determinou o peche do xornal Galicia que dirixía e o seu encarceramento pola decisión daquel tirano.
No franquismo radicalizouse esta radialidade a prol de Madrid, o que sabe case todo o mundo. O que xa non se coñece tanto é a salvaxe recentralización económica e potenciamento deste esquema radial que desenvolveron os gobernos de Felipe González e José María Aznar, deseñando un aeroporto xigante en Madrid, pretendido único hub aeroportuario do Estado, ao que destinaron 6.000 M€ (un billón de pts., con “b” de burro) e construíndo un tren de alta velocidade (TAV) que puxese todas as capitais de provincia “a menos de tres horas de Madrid” (Aznar dixit). Un recente estudo da Generalitat valenciana achega un dado arrepiante: entre 1988 e 2018 case o 44,5% dos investimentos públicos no Estado fixéronse na rexión madrileña, con menos do 18% do PIB e da poboación. O proxecto da España borbónico, primo-riverista, franquista, felipista e aznarista sempre foi radial e centralizado.
Na Península Ibérica existen tres eixos fundamentais en termos de transporte de mercadorías e interconexión entre portos e camiños de ferro: o eixo cantábrico Galicia-Euskadi-Francia, o atlántico A Coruña/Ferrol-Vigo-Porto-Lisboa e o mediterráneo. Tres eixos que foron abandonados durante ducias de anos, malia que arestora o valenciano ministro Ábalos tente reverter o atraso do corredor mediterráneo, o que a exministra Pastor non foi quen a facer co eixo atlántico.
Para Galicia a comunicación con Porto e Lisboa é o vector fundamental que lle garante a integración transfronteiriza entre máis de 7 millóns de habitantes (máis de 3,3 do norte de Portugal e 2,7 galegos) e a solución para levar cara a Europa as mercaderías producidas ou desembarcadas na eurorrexión. Solución, ademais, cofinanciada con folgura polos recursos da Unión Europea que quere integrar ambos os dous territorios fronteirizos e non aposta por trapalladas recentralizadoras.
Porén, o Goberno de Sánchez e Iglesias non lles está por esta solución e na recente cimeira ibérica propuxo priorizar a conexión ferroviaria Lisboa-Madrid no canto do noso eixo atlántico. Portugal, por primeira vez desde o ingreso de ambos os dous Estados na UE, priorizou os evidentes intereses atlánticos sobre esta trapallada. E esixiu a atención bilateral e prioritaria a respecto do eixo atlántico Lisboa-Porto-Galicia.
Como cantaba o noso Siniestro Total: menos mal que nos queda Portugal.

A igualdade xurídica do galego

O Tribunal Superior de Xustiza valenciano vén de anular parcialmente unha normativa regulamentaria da Generalitat que privilexiaba o ensino en catalán (alí chamado oficialmente valenciano) por mor da súa grave minorización fronte ao castelán.
O Alto Tribunal aplicou unha consolidada xurisprudencia dos Tribunais Constitucional (TC) e Supremo (TS) que xorde daquela sentenza do TC de 1986 que anulou o deber de coñecer o galego, presente de primeiras na nosa Lei de Normalización Lingüística, aprobada pola unanimidade do noso Parlamento. Segundo esta xurisprudencia só existe o deber de coñecer o castelán e as demais linguas fican secundarizadas nun rango de mera cooficialidade, sen que sexa legal esixir o seu coñecemento con carácter xeral a xuíces e demais funcionarios e o seu uso obrigatorio nin sequera ás empresas concesionarias ou contratistas públicas. Velaí que o galego, o catalán e o vasco non gocen de igualdade xurídica a respecto do castelán. Esta desigualdade atenta contra a Carta Europea de Linguas Minoritarias (o galego non é polo de agora minoritario, malia estar fortemente minorizado), é dicir, contra a normativa constitucional de protección dos nosos dereitos lingüísticos. Velaí a necesidade de resolver de vez esta desigualdade, levando á Constitución ou ao Estatuto o pleno recoñecemento da igualdade de ambas as linguas oficiais, a propia e a de comunicación común co resto do Estado.
Deste xeito, o deber de coñecer o galego evitará situacións tan ilóxicas (cando non ferintes) como médicos do S­ergas que manifestan diante de doentes descoñecer o galego, freakies que piden tradución oficial de pequenos textos intelixíbeis a calquera europeo que lea, mandos da Garda Civíl que denuncian concellos por sinais de tránsito en galego ou a continua provisión de prazas de xuíces, fiscais e funcionarios sen acreditar o coñecemento abondo da lingua que nos permita aos galegofalantes gozar da plenitude dos nosos dereitos lingüísticos.
De certo que o problema do galego non se resolve só con medidas xurídicas. Mais sen acadarmos esta igualdade (negada constitucionalmente dende 1978) non serán posíbeis cousas tan sinxelas e normais como vivirmos plenamente en galego ou non nos sentir alleos no noso propio país.