A suba de Puigdemont non impediu a perda da maioría independentista

As eleccións nacionais catalás deste domingo 12-M determinaron a perda para o soberanismo catalán da maioría absoluta no Parlament, por primeira vez desde as eleccións de 2012. O PSC de Salvador Illa gaña en votos (case un 28%) e deputados, obtendo 42 (+9), mentres que Puigdemont rendibilizou só en parte a súa proposta restitutiva e obtivo 35 escanos (+3), cun 21,6% de votos (uns cen mil votos máis, gañando en 30 dos 42 bisbarras catalás) fronte ao 20,1% de 2021, no que, porén, foi o seu mellor resultado desde o 1-Ou de 2017. Cómpre salientar que só 200 votos en Lleida determinarían o 36 para Junts+Puigdemont e 41 para o PSC, que perdería entón a posibilidade de maioría absoluta nun hipotético tripartit PSC-ERC-Comuns/Sumar, malia que esta posibilidade xa foi desbotada na noite electoral polo president en funcións Pere Aragonès.
A perda da maioría absoluta independentista alicerzouse na catástrofe electoral (patacada, por usarmos un termo catalán) sofrida por ERC, que só quitou 20 deputados (-13), cun moi curto 13,6% de votos e polas CUP condenadas pola súa inutilidade política, que só quitaron 4 representantes (-5) cun 4% de votos. Junts, ERC e CUP pasan de 74/135 deputados a 59/135. Os dous deputados que quita Aliança Catalana (3,8% de votos) completa o 43% aproximado que constitúe o peor resultado para o soberanismo desde o 2000.
Mentres o PP quita 15 (+12!!) cun 11% de votos e Vox mantén os seus 11 cun 8% de votos. As forzas que apoiaron o 155 no 2017 (PSC, PP e Vox) quitan agora maioría absoluta (68/135) e un 47% de voto conxunto, co discurso máis dependente de Madrid da historia política do PSC e do PPC.
Sánchez foi o grande vencedor da noite electoral, máis aló mesmo que Illa, rendibilizando substancialmente a súa “retirada táctica”, mentres as forzas que partillan o Goberno do Estado aproban, pois os 9 deputados que gaña o PSC compensan abondo os 2 que perden os Comuns (quitaron 6, cun 5,8% de votos), malia que a decadencia deste espazo político e o seu progresivo reintegro no espazo do PSC semella evidente. Máis aínda, é evidente que Pedro Sánchez fortalece o discurso español en Catalunya, tanto á esquerda como á dereita.
Cunha participación semellante á da 2021, porén, a chave dos resultados é a desmobilización duns 300.000 electores independentistas que determinan o desastre de ERC e a CUP e a remobilización unionista xerada pola españolización dos relatos e, tamén, pola demonización da inmigración, discurso partillado polo PP e Vox e, desde outra perspectiva, pola Aliança Catalana.
Desbotado por ERC o tripartit PSC-ERC-Comuns/Sumar só semella probábel un goberno en minoría do PSC ou unha repetición electoral. Sería ERC quen decidirá, malia que unha repetición catalá no vindeiro outono ben podería xerar tamén a disolución do Parlamento estatal por parte dun Pedro Sánchez fortalecido que podería tentar aproveitar para reducir a súa dependencia dos soberanismos.
Máis complexa semella a proposta de Puigdemont para un goberno de minoría independentista (55/135 deputados) superior en escanos á eventual coalición PSC-Comuns/Sumar. Requiriría unha abstención do PSC que Illa, de primeiras, desbotou. O que é evidente é que nada ha ser outra vez igual e que para ERC e a CUP se abre unha etapa de fonda reflexión, mesmo de refundación.

O primeiro goberno alternativo da nosa historia

Por primeira vez na historia política deste País o principal partido da oposición enceta a lexislatura prometendo non só o exercicio do seu labor opositor, senón un xeito de facer o mesmo desde a proposta alternativa e rigorosa que, ademais, se desenvolverá desde un comité parlamentario de doce deputados e deputadas, de análogas áreas de coñecemento que as propias das consellarías determinadas pola estrutura orgánica da Xunta que Rueda decidiu o domingo 14-A.
Non houbo precedentes dun goberno alternativo ou shadow cabinet (como se coñece na praxe parlamentaria británica) na nosa historia política. E noutros países da Europa tampouco hai precedentes tan definidos, sen dúbida pola pouca frecuencia de esquemas parlamentarios bipartidistas. Os exemplos na Catalunya de Pasqual Maragall a fins do século XX ou de Illa nesta lexislatura non son comparábeis.
A decisión do BNG deste Goberno alternativo, tanto no eido da formación dese comité ou gabinete formado por representantes parlamentarios canto polo compromiso de combinar sempre a oposición coa proposta alternativa rigorosa e concreta non se entende sen nos dexergar a substancial modificación da composición do noso Parlamento sofrida logo das eleccións do 19-F. Porque o BNG, que era -e é- o segundo partido, tiña antes menos da metade de votos que o PP (o primeiro) e só un 22% máis ca o PSdeG (o terceiro) e agora ten case 2/3 dos votos do primeiro e un 225% dos votos do terceiro. Dun esquema tripartidista pasamos a un bipartidismo imperfecto.
Velaí que o mandato da cidadanía ao BNG lle obrigue a facer oposición desde parámetros de alternativa de goberno, o que esixe moito rigor e coñecemento sectorial e patriotismo por riba do partidismo, ademais dunha análise continuada dos problemas do País e da evolución das súas maiorías sociais e axentes políticos, económicos, sociais e culturais. Velaí tamén a necesidade de pescudar a posibilidade de pactos de País co PP, dos que Pontón sinalou os de sanidade, vivenda, enerxía e rexeneración democrática.
Algúns interpretaron as primeiras decisións de Rueda -simbólicas e de nomeamento da equipa de goberno- como un aceno de rachar coa titoría de Feijóo, malia que os seus discursos na campaña vasca e a subordinación da política fiscal e educativa da Xunta ás esixencias definidas para todos os territorios gobernados polo PP pola súa dirección estatal, fan semellar que unha tal evolución non é críbel. De todos os xeitos o tempo político haberá clarexar axiña as dúbidas neste senso.

O efecto Puigdemont

Catalunya será a terceira nación do Estado en anticipar eleccións, convocadas para o 12 de maio, nestes primeiros meses de 2024, logo do noso País (18-F) e de Euskadi, onde se celebrarán o 21-A. No caso do país mediterráneo o president Aragonés xustificou a súa decisión no rexeitamento por parte do Parlament catalán do seu proxecto de Orzamentos para 2024. ERC só obtivo o acordo co PSC, mais rexeitou negocialos com JuntsxCat e non asumiu a esixencia incondicional dos Comúns de vetar o proxecto Hard Rock Entertainment World no Camp de Tarragona, a carón de Port Aventura. Un proxecto que xa fora aprobado pola Generalitat hai anos malia que arestora semelle pouco viábel ambientalmente tendo en conta que podería consumir a mesma auga que a cidade toda de Reus na actual conxuntura de seca na Catalunya. En calquera caso, o seu impacto non sería comparábel ao desaquelado proxecto de planta industrial de Altri en Palas de Rei e os seus moi negativos potenciais efectos a respecto da miticultura, pesca, marisqueo e industria conserveira da ría de Arousa, e da agricultura e gandería da Ulloa e das bisbarras da conca do Ulla en xeral.
Nun primeiro momento semellaba que só ERC, que adoptou a -certamente lexítima-decisión de convocar eleccións e máis o PSC-PSOE (que de vez anunciou que non presentaría proxecto de Orzamentos estatais para 2024, adiándoos ao 2025) pensaban tirar proveito da convocatoria anticipada. Mais a decisión do president Puigdemont de se postular como candidato á presidencia da Generalitat por JuntsxCat rachou de vez o marco. Sen dúbida quen convocou matinaba con razón que a amnistía non sería lei até fins de maio e que as terminais na Sala do Penal do Supremo do deep state poderían suspender a aplicación da amnistía mentres o Constitucional e/ou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TSXUE) non resolvan as cuestións de constitucionalidade ou prexudiciais que sen dúbida o Supremo lles remesará a respecto da aplicación desta lei orgánica. Porén, a mesma lei di claramente que logo de vixente a amnistía han ser deixadas sen efecto ningún as euroordes e ordes estatais de prendemento ou calquera clase de medidas cautelares. Malia todo é posíbel e mesmo probábel a existencia dalgún risco (sempre de duración temporal) non previsto.
Mais estas forzas, canda a propia prensa madrileña nas primeiras horas despois do anuncio, non se decataron que a decisión de Puigdemont era a de asumir un reto histórico e tentar converter as eleccións nacionais catalás nun plebiscito sobre a súa xestión no exilio desde o 30 de outubro de 2017. Unha xestión baseada na lexitimidade do seu mandato, na ilexitimidade do 155 que aprobaron Rajoy e Pedro Sánchez e no éxito dunha amnistía que non deixa ninguén fora, logo dunha demostración de forza ao vetar o limitado e bastante trapalleiro texto do 30-X que aceptou ERC e que o PSOE dicía irreformábel. Tentar reactivar o desanimado e dividido soberanismo catalán e amosarse o único voto soberanista útil. Deste xeito semella que Puigdemont, como vén de escribir Pilar Rahola, pode ser o candidato que saiba ler o momentum. Un momentum que xorde da tripla circunstancia da candidatura do xironés, da aprobación da amnistía e da rendibilidade política da súa negociación co Estado a respecto da desenvolvida pola ERC. Ademais, é difícil albiscar Puigdemont xestionando a autonomía, de acadaren un acordo de coalición que permita a súa investidura, ao xeito de Aragonés. Se mobiliza o voto soberanista e non lle ofrece escenarios alén da autonomía actual perdería toda a súa credibilidade entre ese electorado.
Certo é que o PSC se amosou forte nas estatais do 23-X e vai por diante nas sondaxes feitas até de agora. Mais tamén é verdade que Illa vai ter que loitar coa enxurrada mediática a respecto da súa xestión no Ministerio de Sanidade mercando máscaras e que o PP pode captar dentro do unionismo boa parte do electorado de Ciutadans que foi ao PSC nas eleccións catalás de 2021, canda parte do que votou Vox daquela.
Velaí o efecto Puigdemont, que racha coa tendencia da evolución autonómica post procès e enfronta o electorado soberanista (e mesmo a parte do que está a prol da ampliación do autogoberno) diante do dilema de confiar ou non, outravolta, na vía de dar pasos substanciais cara ao exercicio, máis ou menos regulado, do dereito de autodeterminación nos vindeiros anos.

O Govern que elixiu a cidadanía catalá

O 14-F deste ano a cidadania catalá escolleu 74 deputados indepes (34 ERC, 33 JuntsxCat -Junts- e 7 CUP) aos que lles outorgou o 52% dos votos, por 61 unionistas (os 53 do 155 -PP, PSC, Cs e Vox- e máis os 8 comúns, que vetaron ao candidato Pere Aragonès -ERC- canda Illa, Garriga, Carrizosa ou Fernández).
Até este venres 21-M decorreron case cen días sen acordo entre Junts e ERC, malia a claridade do diktat cidadán, que quería un goberno independentista, na práctica ao 50% entre Junts e ERC, pois que os votos emitidos non se poden interpretar doutro xeito.
Contra o que opinaron a eito os media estatais-madrileños non pairaba só a cuestión do reparto das áreas de goberno, senón a posición relativa do president Puigdemont e do Consell de la República, a estratexia a desenvolver perante os Parlamentos estatal e europeo e máis a opción pola táboa de diálogo proposta pola ERC ou polo confrontamento intelixente proposto por Junts.

Fumata bianca
Ningúen poderá negar que os partidos atinxidos negociaron con seriedade, intensidade e dedicación, defendendo cadansúas posicións de parte, mais tentando reconducir cadansúas posicións ao mandato cidadán que quería Govern independentista en pe de igualdade entre Junts e ERC. Acadado o acordo, porén, semella fume de pallas aquela teoría dalgúns republicanos de que Junts habería dar de balde os seus votos a prol don goberno disque de esquerdas.
Porque para construír República cómpre contar con toda a cidadanía, ou, polo menos, cos máxima xente posíbel. Xa que logo, non se pode construír a República só coa participación das autodenominadas esquerdas, porque a República ha levar a semente dun sistema pluralista de xogo de gobernos e oposición. Neste senso, Junts ten sacrificado ao longo do seu proceso de creación algunhas das tácticas máis gobernamentais para servir de encaixe a sectores da Catalunya transversal historicamente non interpelados de xeito directo por CDC e PdeCAT. Mais este achegamento ao talento do país (que permitiu a incorporación ás súas ringleiras ao senlleiro avogado, antigo cabezaleiro da avogacía barcelonesa e catalá, Jaume Alonso-Cuevillas, ou do empresario e recente president da Cambra de Barcelona, Joan Canadell) precedeu á segunda tirada desta fichaxe de talento, integrando no Govern ao novo conseller de Economía, Jaume Giró (director xeral até 2019 da Fundació La Caixa d`Estalvis, socio fundador e de control de Caixabank, cesado por se opor ao traslado da súa sede fóra do Principat), ao epidemiólogo Josep María Argimón ou á nova consellera de Acción Exterior, Victòria Alsina.
Dixo o preso político Jordi Sánchez, secretario xeral de Junts e máximo responsábel da negociación canda o novo president Pere Aragonès, que a fichaxe de Giró situaba aos soberanistas transversais ao epicentro do mundo económico. Á vista dos primeiros dados sobre a composición da súa parte do Govern e do seu Grupo Parlamentario poderían avanzar cara ao epicentro de moitos sectores da cidadanía catalá, sempre que medren de xeito equilibrado, xeneroso e intelixente.
Mentres, ERC acadou unha Presidencia xurídica e políticamente fulcral, malia que sometida ao réxime primus inter pares que a cidadanía catalá escolle dende as eleccións do 21-D de 2017, as que convocou ilegal e ilexítimamente o Goberno do Estado a medio do autogolpe do 155. Sen dúbida Pere Aragonès amosou, malia a súa xuventude, experiencia política e coñecemento das Administracións abondos para coordenar unha andaina de común gobernanza que ten no peche da crise sanitaria, na reconstrución económica e nas crises ecolóxico-enerxética e social os seus principais eixos de gobernanza.
Cómpre dicir que o xogo caloteiro do Madrid político e xudicial e a arbitraxe caseira do Tribunal Constitucional deixa o autogoberno catalán ferramentas limitadas para enfrontar estes catro reptos. Mais estas limitacións non poden facer esquecer a importancia dunha boa gobernanza, dunha xestión eficiente e razoábel, primeiro e, de poder ser, transformadora despois. Porque cómpre lembrar que son as pemes e emprendedoras, as clases medias, as persoas traballadoras e as persoas excluídas e en risco de exclusión as que primeiro sofren da ineficiencia xestora.
Que o nou Govern administre e xestione acaídamente é preciso para unha boa gobernanza e para acadaren a República. Mais non é abondo.

O papel do president Puigdemont e do Consell per la República Catalana
ERC reivindicou nesta andaina negociadora que o Consell per la República catalana non habería “titorizar”, de xeito ningún, o Govern e o seu president. A proposta ten certa forza tautolóxica, malia que -mesmo analisada desde fóra do territorio catalán- non deixe de ser algo equívoca.
Claro é que a tarefa do día a día na xestión, na gobernanza catalá non pode ser titorizada por ninguén. Mais cómpre lembrar que a lexitimidade institucional e política que conciben as persoas que están pola República baséase no mandato do 1-Ou e na lexitimidade continuada do Govern e do Parlament ilexitimamente cesados polo 155 o 28-Ou de 2017. Neste senso, as eleccións do 21-D de 2017 elixiron un novo Parlament malia que ningún President convocara lexitimamente estas eleccións, como as recentes eleccións do 14-F de 2021 non foron convocadas tampouco lexitimamente, pois que foron anticipadas polo cesamento xudicial -tamén ilexítimo- do president Torra.
Velaí que a lexitimidade do actual Govern e Parlament estea moi vencellada á lexitimidade das institucións arbitrariamente removidas en outubro de 2017. Lexitimidade encarnada no President Puigdemont e, de primeiras, confiada no Consell sen oposición de ERC nin das CUP. Mais a cuestión non é só de lexitimidade de orixe, senón de eficacia no exercicio. A República catalá precisa da tarefa que na Europa e no mundo teñen desenvolvido e desenvolven o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a representación no Parlamento Europeo e máis o propio Consell per la República.
A estratexia do exilio e da internacionalización xurídica e política do conflito tense amosado moi acaída para o mantemento na axenda internacional e europea da cuestión catalá e para identificar as fendas xurídicas e de praxe democrática do Estado español e expoñelas á opinión pública europea e mundial.
Para Catalunya gañar a súa República, a boa gobernanza da Generalitat é precisa, máis non é abonda. Cómpre a acción exterior, no ámbito simbólico e democrático, do president Puigdemont e dos outros actores depositarios da lexitimidade do 1-Ou.

Dous anos de cheque en branco en Madrid?
Outro dos pontos fulcrais do pacto atendía ao priorizamento da táboa negociadora Generalitat-Estado que propuña ERC vs o confrontamento intelixente que defendía Junts, constituído nun auténtico leitmotiv de campaña pola súa candidata e hoxe presidenta do Parlament, Laura Borràs.
O acordo outorga un máximo de dous anos para que a política de diálogo dea froito, sempre no horizonte da amnistía e do referéndum pactado. Decorrido este prazo priorizaríase o confrontamento pacífico e intelixente que nos desbotaría as vías unilaterais.
O pacto acadado quizais era o único pacto posíbel nesta altura, malia que o tempo outorgado (dous anos) semella longo de máis na actual conxuntura do Estado e, nomeadamente, dos partidos que integran o seu Goberno. A resolución da recente crise norteafricana e máis o parálise dos indultos aos presos políticos e da rebaixa penolóxica do delicto de sedición no Código Penal amosan que o cheque case en branco outorgado estes últimos meses por ERC e máis EH Bildu nin obtén contrapartidas políticas nin mesmo modifica os marcos mentais das esquerdas españolas. O voto en contra dos comúns á investidura do president Aragonés reflicte a unidade de destino no universal dos unionistas todos.
Dous anos de negociación baleiras complementadas por un apoio sen contraprestacións ao Goberno do Estado no Congreso semellan moito tempo. Os partidos do Govern, os outros partidos independentistas e as organizacións da sociedade civil haberían cumprir co seu rol fulcral de análise, pulo social, crítica construtiva e mobilización social.

O papel da sociedade civil
Neste senso, ANC e Òmnium son fulcrais. O remate da crise sanitaria habería sinalar tamén a época na que o soberanismo catalán volte demostrar a súa pacífica forza e razón na rúa. A sociedade civil haberá seguer a construir país, dende a defensa dos seus intereses sectoriais, mais tamén dende a defensa do conxunto da sociedade catalá.
Velaí a conquista para o empresariado pequeno e mediano da Cambra de Barcelona pola candidatura de Joan Canadell ou a desputa da dirección do Colexio de Avogados de Barcelona pola candidatura anovadora de Gonçal Oliveros e Anna Boza fronte á candidatura continuista de Maria Eugènia Gay nas vindeiras eleccións da fin de xuño. Como moi ben definiu o ex decano e deputado Jaume Alonso-Cuevillas a renovación é obrigada para que o Colexio barcelonés volte defender os intereses da sociedade, dos pequenos e medianos despachos xurídicos e da cidadanía, fronte unha Xunta de Goberno actual defensora dos privilexios do Poder.
Nas últimas horas a involución unionista segue a enchoupar as devanditas e outras institucións da sociedade civil catalá. O xornal La Vanguardia vén de pechar a colaboración nas súas páxinas de Pilar Rahola, presente nelas dende 2007.
O nou Govern, os partidos soberanistas, a ANC, Òmnium e as institucións fulcrais da sociedade civil catalá teñen tarefa abonda por diante. E van precisar a axuda e comprensión das persoas e dos pobos amigos. A suposta equidistancia remata sendo incompatíbel coa ecuanimidade democrática propia do sentidiño.

O fascismo xorde do centralismo españolista

Na fin da longametraxe Judge at Nüremberg (1961) o presidente do Tribunal Internacional que xulgou varios xuíces do Reich alemán por crimes contra a humanidade, Dan Haywood (Spencer Tracy), rematado o xuízo e notificada a sentenza, visita na súa cela a un dos principais condenados, o Dr. Ernst Janning (Burt Lancaster), xa condenado nese intre a cárcere perpetuo. Janning exprésalle ao xuíz Haywood o seu recoñecemento e o seu arrepío fronte aos crimes contra a Humanidade coñecidos no decurso do xuízo. E Haywood, até entón compasivo, espétalle, acedamente: “Dr Janning, todo ese horror comezou cando vostede condenou á primeira persoa inocente”.
Nesta campaña electoral á Asemblea rexional de Madrid, a esquerda española (PSOE, Unidas Podemos e Más País) denuncia a mensaxe racista, sexista e fascista de Vox, que vai ser chave para lle dar a presidencia da Comunidade a Isabel Díaz Ayuso do PP. Din as esquerdas españolas que agora se vai dar a fulcral novidade da entrada de Vox no goberno rexional ou, polo menos, o medre substancial da súa influencia.
Vaia por diante que PP e Cs xa pactaran con Vox os gobernos de Murcia ou Andalucía. Mais semella que mentres non sucedan as cousas en Madrid non existen para ninguén. En calquera caso, a connivencia da dereita española coa extrema dereita de Vox vén xa desde hai anos e debulla un mapa político impensábel en Francia ou Alemaña, onde a dereita gaullista e a CDU opóñense ferreñamente á Front National galo e aos neofascistas alemáns da Alternative für Deutschland.
Mais o pulo do fascismo xa existía hai anos e foi nomeadamente visíbel na reacción do centralismo españolista ao procès. Fronte unha maioría política soberanista catalán que só quería exercer o seu dereito a decidir (coas dificultades xurídicas que ten o recoñecemento deste dereito das nacións no marco constitucional vixente, o que non é nin era responsabilidade da cidadanía catalá nin dos seus representantes), o extremismo españolista exerceu unha oposición violenta manifestada nos gravísimos incidentes da libraría Blanquerna en Madrid (Diada de 2013), nas agresións a xornalistas, como a do fotoxornalista Borràs en Barcelona (17.07.2018) ou no asalto á radio pública Catalunya Ràdio (27.10.2017). Entre setembro de 2017 e decembro de 2017 o extremismo españolista foi autor de 139 agresións violentas no país catalán.
Para a dereita españolista do PP e Vox, estes grupos extremistas e neofascistas nunca foron un problema. Mais tampouco para o PSC, que partillou a manifestación do 8-Ou de 2017, copresidida por Josep Borrell e Salvador Illa (PSC), con toda clase de elementos extremistas actuantes antes, durante e despois. Un PSC que non tivo inconveniente en aprobar as accións violentas desenvolvida por ordes do Goberno Rajoy por elementos da Policía Nacional e da Garda Civil o 1-Ou de 2017 e de votar a prol dun desaquelado 155 no Senado o 28-Ou de 2017.
Algúns dirán que Comúns e Podemos ficaron á marxe desta enxurrada do extremismo españolista. Mais ficaron tamén á marxe do propio combate ao fascismo, manifestando unha equidistancia imposíbel entre a violencia do Estado e dos grupos extremistas e a actuación soberanista pacífica na rúa. Unha equidistancia que os leva a priorizar Illa como president a respecto da solución independentista plural que votou a cidadanía catalá o pasado 14-F, como lles levou aceptar os votos da dereita españolista da candidatura “Cs-Valls” para que Ada Colau fose alcaldesa de Barcelona, no canto do máis votado Ernest Maragall (ERC). Ou os leva a deslexitimar unha forza soberanista, democrática e transversal como JuntsxCat.
No caso do procès, o peor foi a concorrencia (mesmo a connivencia) destas agresións fascistas na rúa coa represión estatal (1-Ou, 155, axuizamentos por Tribunais competentes, sentenzas que prenderon presos políticos por delictos incompatíbeis cos Códigos Penais democráticos…). Velaí o aviso do voto particular dos maxistrados do Tribunal Constitucional (TC) Juan Antonio Riol e María Luisa Balaguer, cando propugnan que o conseller Jordi Turull (así como todos os presos políticos condenados por sedición) habería ser absolto polo Tribunal Supremo (TS), por mor da indeterminación das condutas penadas pola sedición no Código Penal. Unha auténtica emenda á totalidade á aplicación do Dereito Penal polo TS na sentenza do procès que, xunto coa xurisprudencia belga considerando incompetente para o devandito axuizamento o TS, constitúe un sólido alicerzamento para que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) declare incompatíbel a condena do xuízo do procès cos dereitos fundamentais dos presos políticos.
O Estado e as forzas políticas españolistas (tamén, en moi grande medida, a esquerda) lexitimaron a intolerancia do extremismo españolista cando lles interesou que este extremismo fose aliado e vangarda na represión contra o soberanismo catalán. Alentaron Vox como acción popular perante o TS e asumiron a súa axenda centralista e negadora do dereito ao autogoberno e á autodecisión das nacións.
Agora seica o fascismo é unha vizosa realidade en Madrid. “Dr. Janning, todo ese horror comezou cando vostede condenou á primeira persoa inocente”.
Non hai nin pode haber democracia e liberdade no Estado español se non se garante o dereito a existir, ser, desenvolverse e decidir dos seus pobos e nacións. O fascismo xorde do centralismo españolista.

Catalunya votou por un goberno independentista

Convén lembrar a realidade das eleccións nacionais catalás do 14-F que os opinantes de quenda próximas aos partidos do goberno estatal (PSOE-Podemos) e as súas filiais (ou sucursais) catalás PSC e os Comuns queren reconducir a cousas que non son nin serán, sexa cal for o sistema métrico que usemos.
ERC (33), JuntsxCat (32) e a CUP (9) quitaron 74 dos 135 deputados do Parlament de Catalunya, fronte aos 61 unionistas (PSC 33, Vox 11, 8 os Comuns, 6 Cs e 3 PP). Ë dicir, que o independentismo quitou o 55% dos deputados. En votos o independentismo non sobardara nunca o 48% desde a consulta cidadá de 2014. Arestora quitou o 51,7%. E este suceso é tanto máis rechamante cando: i) o golpe de Estado do 155 encetou a anterior lexislatura disolvendo ilexítima e ilegalmente o Parlament o 27-Ou de 2017. ii) O Tribunal Supremo (TS) español impediu cadanseus debates de investidura do president Puigdemont e do preso político Jordi Sánchez e iii) o mesmo TS inhabilitou o president Torra por exercer institucionalmente a liberdade de expresión e deu cabo á lexislatura.
É dicir, que con máis de 3000 persoas condenadas, acusadas ou penalmente investigadas na Catalunya (todas de JuntsxCat, ERC, CUP, ANC, CDR e Òmnium, como vén de lembrar o intelectual e político catalán Agustí Colomines) o independentismo, que xogaba contra corrente, quitou os mellores resultados do procès.
Diante destes números… que é iso do efecto Illa? Que é iso que din Illa (PSC) e Albiach (Comuns) de que Catalunya votou por unha remuda e que os 41 deputados (só o 30% do Parlament) que apoian o Goberno do Estado haberían dirixir a política catalá no vindeiro futuro? De que mentalidade espelida xos rde a proposta Albiach dun goberno ERC-Comuns apoiado externamente polo PSC? Cando van chegar a ese pacto de lexislatura? Antes ou despois que os eurodeputados do PSC e PSOE voten a prol do suplicatorio ao president Puigdemont, á consellera Ponsatì e ao conseller Comín?
As forzas da esquerda española que apoian o Goberno do Estado teñen só o 30% dos escanos. Así e todo poderían ter iniciativa política. Mais non a teñen. Sabemos algo da amnistía? Sabemos algo da despenalización do delicto de sedición? Non, claro que non. O diálogo é unha actitude de suspensión mental que se move consonte os tempos de Sánchez e mesmo ás veces de Iglesias.
A cidadanía catalá votou independentista, mais nomeadamente votou por un goberno independentista. ERC terá que asumir que non ten máis socios ca JuntxCat e as CUP e que os primeiros haberán partillar de xeito case igualitario o Govern. JuntsxCat, malia ser a auténtica sorpresa positiva do proceso electoral- ao que concorría case desafiuzado-, terá que aceptar que a Presidencia do vindeiro goberno independentista será asumida polo vicepresidente Aragonès, malia saber que, no futuro, se saben integrar as bases territoriais e a moitos dos cadros e referentes do PdeCAT a súa aposta soberanista e transversal levaralles outravolta á primeira marca da pole position. Non por acaso a concorrencia conxunta teríalle outorgado a Junts 35 escanos fronte aos 32 de ERC e 32 do PSC.
JuntsxCat e ERC voltaron recebir o mandato do 21-D de 2017 para xestionar eficiente e transformadoramente os problemas do día a día de Catalunya, mais consonte coa folla de ruta da República catalá. Gañaron nidiamente as eleccións, é certo, mais a abstención de ducias de milleiros dos seus electores de hai tres anos amosa unha nidia mensaxe de advertencia. Quizais, como ten escrito o xornalista catalá Jordi Barbeta, os partidos independentistas catalás han enfrontar a derradeira oportunidade desta xeración. E esa apelación é a tres e non a dous: a CUP habería considerar que un terceiro veto, despois do de Artur Mas e Jordi Turull, podería ser letal para as posibilidades da axenda soberanista do vindeiro futuro.
De calquera xeito, nin a esquerda española, nin as súas sucursais catalás nin o Deep State outorgaron nin a máis cativa achega a unha nova convivencia catalá alicerzada na amnistía, na democracia e nunha solución para un exercicio próximo e regulado do dereito a decidir da cidadanía catalá.
Só é viábel arestora un Govern independentista, que foi, ademais, o que votou a ciudadanía catalá. Como cantou o portugués Zeca Afonso “o povo é quem màis ordena”.

O independentismo acada o 51% dos votos

Estas eleccións catalás xogáronse coas cartas marcadas. As anteriores foron fixadas polo 155 de Rajoy, Rivera e Pedro Sánchez. A maioría independentista (70 s/ 135 daquela) non puido investir nin Puigdemont nin Jordi Sánchez polas decisións do Tribunal Supremo (TS) español. O remate da lexislatura tamén o sinalou o TS coa insólita condena penal do president Torra. Mesmo a data foi determinada polos Tribunais españois. Convíñalle ao Goberno do Estado que Salvador Illa fose investido president dun xeito ou doutro e houbo que votar con grave risco para a saúde das persoas. Velaí os dados de participación, cun curto 53,54%.
Co 100% escrutado, PSC, ERC e JuntsxCat acadaron resultados moi parellos (cadanseus 33 deputados e 23,04% para os de Illa e 21,30% para os republicanos de Junqueras, e 32 deputados para os soberanistas de Puigdemont e Laura Borràs co 20,04% de votos). Illa e Pedro Sánchez poderán fachendear de ser os primeiros en votos e escanos, mais esta circunstancia non lle suporá ningunha posibilidade para gobernar. Porque a eses 33 deputados só poderían engadir os 8 dos Comúns, co que só representarían o 30% do novo Parlament. Illa xa recebira anticipadamente o apoio dos Comúns e de Vox. Mais agora non ten xa oportunidade ningunha.
O independentismo obtén 4 deputados máis (74/135 agora) e, por primeira, vez, acada o 51,15% dos votos, engadíndolle ao 6,7% da CUP (quinta forza, cos seus 9 deputados) o 0,21% de Primàries e o 2,7% do PdeCat, que non obtivo deputado ningún, pechando de vez por moitos anos a historia do autonomismo de Convergència i Uniò, malia que seica impedise coa súa presentación electoral que a auténtica revelación destas eleccións, Laura Borràs (JuntsxCat) poida ser a primeira muller presidenta da Generalitat. Porque nun escenario no que só estaban previstos ERC e PSC, JuntsxCat, coa súa candidata, co seu referente Puigdemont e cos seus dirixentes presos (Sánchez, Turull, Rull, Forn) amosaron ser a primeira proposta do soberanismo transversal.
No ámbito do unionismo os comúns repiten resultados (8 deputados), malia os máis de nove pontos de avance socialista, que recolle a meirande parte da desfeita de Cs, que baixa de 36 a 6 deputados. Unha baixada que fai medrar o voto de Vox até 11 deputados co 7,66% de votos, esnafrando as alternativas de Cs (5,55% de votos e 6 escanos) e PP, que baixa de 4 a 3 escanos. A dereita española perde a metade da representación, de 40 a 20 escanos, e sen dúbida o efecto do sorpasso producirá inmediatos efectos na sede do PP da madrileña rúa Xénova, probabelmente a xeito de conversas inmediatas entre o PP e Cs para unir forzas.
Sendo moi importante a vitoria soberanista, o certo é que tamén sofriron da desafección abstencionista, sen dúbida xerada polas súas liortas internas. Semella, pois, que o electorado soberanista catalán quere solucións e non está disposto a aturar a falla de entendemento entre os seus partidos

A Santa Alianza unionista

Confésolles o meu absoluto abraio. Eu pensaba que nestes tempos de pandemia o importante era a saúde individual e colectiva, como único vieiro posíbel cara a reconstrución económica. Pensaba tamén que sen garantir o dereito á saúde non se podía garantir o dereito de voto e de participación política. O Decreto do Govern suspendendo as eleccións do 14-F tiña como precedentes os Decretos da Xunta de Galicia e do Goberno vasco suspendendo cadansúas eleccións nacionais e, malia ser inédito -como tantas cousas- na historia electoral, constituía a única ferramenta para garantir os dereitos fundamentais á vida e á saúde e o dereito de participación política.
Mais estáballes trabucado, porque non había tal. O importante seica é a unidade de España, dogma teolóxico ao que todos os partidos unionistas e elementos do Deep State supeditan os dereitos dos cidadáns á saúde, a votar e, xa que logo, a votar con garantías sanitarias. Velaí que fose obrigado suspender o Decreto do Govern porque o Tribunal Superior de Catalunya (como teño dito, unha peza do sistema xudicial español, non integrada no Poder autonómo catalán) considera que votar o 14-F presenta un interese estatal “intenso”. Eleccións si ou si, polo civil e polo militar. E se non queres caldo dúas cuncas.
O meu erro chegaba tamén a pensar que non era lóxica en plena pandemia a demisión do Ministro de Sanidade para se presentar ás eleccións, cando o vacinamento está a se desenvolver con problemas e só o Estado ten voz e voto na Unión Europea que merca as nosas vacinas. Mais seica non era así, porque Salvador Illa era o candidato elixido non só polo PSC e os Comúns, senón pola propia Vox, que xa anunciara polo seu voceiro estatal o seu voto por Illa cando aínda non se emitira nin o primeiro voto por correo. Velaí outro erro meu, pensaba que a esquerda estatal que dirixe o Goberno do Estado era incompatíbel coa dereita estatal por ese mantra que tantas veces repiten dicindo que o importante é o social. Pois non, todos a votar Illa como todos votaron Colau no seu intre. E saben por que? Porque o importante para as forzas unionistas non é nin o social, nin a saúde nin a calidade democrática do sufraxio. O importante é a unidade de España, dogma teolóxico unionista a xeito do dogma católico da Santísima Trindade.
Esta Santa Alianza unionista arredor da solución Illa é posíbel na teoría porque o Goberno do Estado non fixo absolutamente nada nin por achegar unha solución á radical inxustiza da existencia dos presos políticos cataláns. Nin baseada no dereito de graza nin baseada na despenalización do delicto de sedición, inexistente nos Códigos penais das democracias europeas. Velaí que nin Garriga nin Abascal, nin Alejandro Fernández nin Casado, nin Carrizosa nin Arrimadas teñan ningún problema, se se lles dá a oportunidade, en elixir cos votos dos deputados a Salvador Illa, o candidato do PSOE de Sánchez, que é quen manda de verdade no PSC.
Se a cidadanía catalá, malia todo, rexeita esta Santa Alianza unionista o 14-F cal será a seguinte xogada do Deep State? Seguirá a ser a esquerda española o lado convexo do lado cóncavo da dereita española?

El 155 sigue por vía judicial

El Estado de las Autonomías español se diferencia radicalmente de los Estados federales, entre otras cuestiones importantes, en que tanto el Tribunal Constitucional como el Poder Judicial son puramente estatales, sin participación autonómica, limitada al Poder Ejecutivo y al Poder Legislativo. La justicia española ha marcado el principio, desarrollo y fin de la legislatura catalana que ahora termina, convirtiendo en irrelevante la autonomía política de la Generalitat. Se está, por tanto, aún más lejos de la solución a la convivencia que el 21-D de 2017. Así, pues, en el Estado español, contrariamente a lo que sucede en sistemas federales como EE UU, la República Federal alemana o Suiza, el Poder Judicial es íntegramente estatal. No existe un Poder Judicial en la arquitectura institucional de la Generalitat, limitada al Poder Ejecutivo del Govern y al Poder Legislativo del Parlament.
La Constitución diseñó (sólo para Catalunya Euskadi y Galicia, en un primer momento, si bien el café para todos generalizó el modelo) los Tribunales Superiores de Justicia autonómicos. El Tribunal Superior de Justicia de Catalunya (TSJC) culmina la organización judicial en el territorio de Catalunya, pero es un órgano judicial español, no catalán. El TSJC está sujeto, además, a la jurisdicción del Tribunal Supremo (TS), que ser reserva el derecho de admitir cuando le parece un recurso de casación para unificar la aplicación del Derecho Mercantil, Laboral y Penal (únicos para todo el Estado) y del Derecho Civil y Administrativo estatales y sólo carece de superior jerárquico cuando unifica la aplicación del Derecho Civil y Administrativo catalán. Responde la organización judicial al principio constitucional de que los asuntos judiciales iniciados en Catalunya acaban en Catalunya, sin perjuicio de la jurisdicción del TS.
Pero sucede que el TS no sólo interviene por vía casacional (insisto, nunca en beneficio de los justiciables, sino siempre que le interesa para unificar la aplicación del Derecho, exactamente igual que hace el Tribunal Constitucional (TC) para la admisión a trámite de los recursos de amparo constitucional), sino como órgano judicial de primera instancia para los asuntos que considera conveniente, como hizo ilegalmente al avocar para si la competencia del juicio del procès, en una actuación que los Tribunales de primera instancia y apelación belgas consideraron arbitraria, al rechazar la euroorden que tenía por objeto el arresto y puesta a disposición del TS español del conseller Lluis Puig.
En 48 horas el TSJC ha acordado en dos interlocutorias, resolviendo medidas cauterísimas y cautelares, la suspensión de la efectividad del aplazamiento de las elecciones convocadas para el 14-F en su día por el Consell Executiu de la Generalitat, por lo que siguen convocadas las mismas para dicha fecha, cuando todos los pronósticos epidemiológicos y basados en modelos matemáticos anuncian el máximo de saturación de UCIs y muertes de la tercera ola de la pandemia. Aunque no se ha resuelto el pleito con carácter definitivo (la sentencia no se conocerá hasta el 8-F, aproximadamente, la misma semana de las elecciones), lo cierto es que el proceso electoral continúa a todos los efectos: presentación y proclamación de candidaturas, incluyendo la dimisión como ministro de Sanidad de Salvador Illa, organización de las campañas electorales y desarrollo de las mismas… En realidad resulta difícil imaginar una sentencia desestimatoria del recurso a sólo seis días de las elecciones, pero la Administración de Justicia ya nos tiene acostumbrados a este tipo de decisiones extemporáneas (recordemos la sentencia del TC declarando la inconstitucionalidad sustancial del Estatut de 2006 en junio de 2010, cuatro años después de su aprobación plebiscitaria por la ciudadanía catalana). En cualquier caso, no parece muy probable.
El Decreto de suspensión ahora suspendido en cuanto a su eficacia, y que previsiblemente será anulado el 8-F, se fundamenta en las previsiones epidemiológicas de la Autoridad Sanitaria de Catalunya, constituída por el propio Departament de Salut, que ha dictado disposiciones sumamente restrictivas cuya extensión temporal alcanzarán fechas próximas al 14-F o incluso lo rebasarán. Por otra parte, se basa en el informe 214/2020, de 17 de septiembre, de la Comisiò Jurídica Assesora de la Generalitat, que constató: i) en la Ley electoral estatal, lo mismo que en los Derechos electorales particulares de Euskadi y Galicia, no existe la previsión de suspensión electoral por razones de pandemia, ii) procede suspender las elecciones catalanas en el supuesto de que la situación pandémica amenace los derechos fundamentales a la vida e integridad física y a la participación política, lo que sucederá cuando las restricciones imposibiliten o dificulten no sólo el derecho de voto (en general de modo grave y muy singularmente de los ciudadanos residentes en el exterior), sino la propia formación de la voluntad política, y iii) corresponde al President de la Generalitat la aprobación del Decreto de suspensión, previa audiencia del Consell Executiu y de los partidos políticos y previa comunicación a la Diputaciò Permanent.
Los opinadores madrileños del “a por ellos” y de la lawfare han llamado la atención sobre las diferencias entre el caso catalán y la suspensión de las elecciones gallega y vasca, previstas para abril de 2020 y finalmente celebradas el pasado 12 de julio. Se ha hablado de la inexistencia de una ley electoral propia de Catalunya y, por tanto, de la ausencia de una Junta Electoral propia. Ya hemos visto que nada hay en las leyes electorales gallega y vasca que faculte especialmente la suspensión de unas elecciones ya convocadas. Es cierto que la Xunta Electoral de Galicia consideró proporcionada y adecuada la suspensión electoral finalmente decidida por la Xunta (con el consenso de todos los partidos parlamentarios) en marzo pasado, emitiendo un informe previo que insistía en el máximo consenso de las fuerzas políticas para la legitimidad de una decisión sin base legal clara. Pero también es verdad que las decisiones (no así los informes, como en este caso) de la Xunta Electoral de Galicia son recurribles ante la Junta Electoral Central y que fue ésta, en vía de recurso, la que impuso a los medios públicos de radiotelevisión (Corporación RTVG) la presencia de cuota en espacios electorales de las nacionales gallegas de Vox y Cs como fuerzas “significativas” a pesar de sumar cero diputados antes del 12-J y después del 12-J. Decisión que fue confirmada por el Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), actuando funcionalmente como un mero Tribunal español, que es lo que es orgánicamente, por otra parte.
Las diferencias entre el caso gallego y vasco, por una parte y el catalán, por otra son bien claras: mientras el lehendakari Urkullu y el presidente Núñez Feijóo decidieron el principio y fin de sus legislaturas en 2016 y 2020, la legislatura recientemente agotada del Parlament catalán se inició con las elecciones del 21-D de 2017, convocadas ilegítima y ilegalmente por el Gobierno del Estado en ejecución del 155. Continuó con las inmisiones de la Sala de lo Penal del TS para imposibilitar la investidura del president Puigdemont y de Jordi Turull y acabó con la ilegal y arbitraria inhabilitación del president Torra por un inexistente delito de desobediencia a un órgano manifiestamente incompetente para disponer la retirada de un símbolo identificado con la defensa de las libertades y no con opciones partidistas electorales.
Estamos, pues, ante el gobierno de los jueces. Es muy probable que en los Juzgados y Audiencias catalanas ejerzan jueces y juezas justos que no respondan a la clave españolista y parcial del TS. Pero el TSJC y el conjunto de la justicia en Catalunya, en Galicia o en Euskadi constituyen un Poder Judicial estatal y, como tal, refractario a un autogobierno completo y coherente, cuanto más al ejercicio de un régimen de soberanía o cosoberanía catalana.
¿Qué pasará el 8-F si la salvaguardia del derecho fundamental a la vida e integridad física es sustancialmente incompatible con el ejercicio del derecho fundamental al voto? ¿Se forzaría una sentencia desestimatoria ahora no prevista? ¿Se abocaría a la ciudadanía a la abstención masiva?
Las Instituciones españolas (Gobierno del Estado, Senado y Poder Judicial) han marcado el principio, desarrollo y fin de esta legislatura. Catalunya (como Euskadi y Galicia) está subordinada a la justicia española. El 155 sigue por vía judicial.

A ideoloxía por riba da eficacia

Nos Estados federais ou plurais da Europa (Alemaña, Suíza, Austria, o Reino Unido…) a xestión da pandemia axustouse á distribución do Poder entre os Gobernos centrais e os Gobernos territoriais, ao mandato xurÍdico e lóxico da subsidiariedade: os Gobernos próximos coñecen moito mellor os recursos e as necesidades do territorio e, ademais, son os que contan cos medios persoais para enfrontar o perigo (sanitarios, servizos sociais, bombeiros, policías ou Protección Civil).
O Estado español xestiona a sanidade descentralizadamente dende 2002 (1991 no caso de Galicia, 1982 no de Catalunya e 1988 no de Euskadi). Logo o Goberno central era consciente da falla de medios e de “expertising” do Ministerio de Sanidade para enfrontar a pandemia como Mando Único. Porén, acordaron esa desaquelada recentralización, que fracasou gravisimamente na súa política de centralización de compras.
No desconfinamento, Pedro Sánchez manifestou o seu propósito de continuar co estado de alerta até o 1 de xullo e de reter o Mando Único, malia que esta decisión lle obrigase a prescindir de moitos dos aliados da investidura (ERC, EH-Bildu, BNG) e botar man da dereita de Cs. Un troco de socios que vai dereitizar substancialmente a política social e económica contra os efectos financeiros da pandemia.
Por que o Goberno do Estado está a elixir políticas máis ineficaces? Por que arrisca a súa política social e de rendas? Primeiro, pola mentalidade centralista da esquerda española. Despois, pola ideoloxía unionista e recentralizadora da maioría das direccións do PSOE e do PSC. Non por acaso, o ministro Salvador Illa copresidiu como máximo representante do PSC a demostración unionista, nomeadamente monopolizada polo extremismo, do 8-Ou de 2017 en Barcelona.
O 27-Ou de 2017 os senadores do PSOE e PSC, canda os de Cs e PP, acordaron un 155 que supuxo a disolución do Parlament catalán e o cesamento do Presidente da Generalitat e do seu Govern. Daquela moitos constitucionalistas denunciaron esta decisión, porque o 155 podería, cando máis, limitar o autogoberno, nunca suspendelo ou suprimilo. A decisión do Goberno do Estado foi aprobada pola maioría do Senado (PP-Cs e socialistas)
A aplicación do 155 en 2017 e do estado de alerta de 2020 amosa de vez quen é o Poder Soberano para o Madrid político, no sentido que lle deu o xurista filonazi Carl Schmitt, amosa de vez o prescindíbel para ese Madrid político -e para o Deep State– da organización autonómica e, xa que logo, do dereito de Galicia a se gobernar por si propia.