O Tribunal Superior só cumpre coa legalidade

Unha pantasma percorre Galicia: a das actuacións na defensa da legalidade ambiental e do equilibrio entre territorio, medio rural e produción de enerxía que exercen ducias de entidades ecoloxistas, veciñais, comunidades de montes, organizacións agrarias, de consumidores e veciñanza en xeral. Contra esta pantasma (máis ben contra esta plural e transversal corrente cívica) acordaron erguerse en santa coalición a patronal eólica, a sectorial de industria de CC.OO, as conselleiras Lorenzana e Vázquez responsábeis da Enerxía e do Medio Ambiente, canda diversos voceiros mediáticos.
E esta ofensiva dirixiuse agora contra o Tribunal competente, en virtude de regras predeterminadas, para revisar a legalidade das autorizacións de parques eólicos (P. E.) da Xunta: a Sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Critican que o TSXG acordase suspender un procedemento de revisión xudicial dun parque eólico para coñecer cal é a interpretación do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) a respecto do Dereito europeo aplicábel, cumprindo estritamente coas facultades e obrigas que aos xuíces e tribunais de toda a Unión Europea lles outorga o artigo 267 do Tratado de Funcionamento da UE, xa que o proprio TSXG considera que da interpretación que faga o TXUE dependerá a resolución do recurso xudicial dun xeito ou doutro.
A cerna da cuestión é a interpretación do artigo 6.3 da Directiva 2011/92/UE, que define o dereito do chamado “público interesado” non só a dispor, para poder achegar as súas alegacións, da información fornecida polo promotor do P. E. correspondente, senón dos informes sectoriais que as distintas axencias e Administracións Públicas emitan sobre a conformidade do proxecto con cadansúa lexislación sectorial. Nunha recente sentenza o Tribunal Supremo (TS) considerou que o Dereito estatal permitía que estes informes sectoriais non fosen remitidos á información pública antes da proposta de resolución da Administración competente, neste caso a Xunta. Mais arestora o TSXG só fai o que pode e debe: requirir do TXUE se esa interpretación é compatíbel coa aparentemente contraditoria redacción da Directiva europea de 2011.
Coincide esta circunstancia coa suspensión cautelar das autorizacións de dezaseis P. E. polo mesmo TSXG nestes últimos dez días (o último o Ventumelo, en San Xoán de Río e Castro Caldelas), decisión alicerzada nos principios de cautela, precaución e prevención ambientais que fan específico neste eido o principio xeral da xustiza cautelar de evitarmos o perigo na mora: se se construísen estes dezaseis P. E. e despois o TSXG determinase a súa ilegalidade, como se reparan os danos sofridos no interim polo patrimonio cultural e ambiental e pola veciñanza, entidades e empresas afectadas?
Nesta enxurrada mediática os seus voceiros coinciden en apuntar, por circunstancias coñecidas, ao maxistrado Luís Villares, o que constitúe un nidio insulto á intelixencia, neutralidade e profesionalidade non só del propio, senón dos outros dous maxistrados (un deles presidente da Sala) e da outra maxistrada que, canda Villares, constitúen a Corte que ten suspendido estes 16 P. E. e remitido a cuestión prexudicial devandita ao TXUE.

O lobby eólico presiona a Xustiza galega

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) é o máximo órgano xudicial do noso País e mesmo a súa derradeira instancia en casación no eido do Dereito Civil e Administrativo galegos. Lembremos que a lexislación que regula a produción eólica e, substancialmente, lexislación galega.
Nos últimos anos o TSXG declarou ilegais s parques de Sasdónigas, Sasdónigas 1 (os dous en Mondoñedo), Campelo e Bustelo en Bergantiños e a repotenciación de Corme na Costa de Morte. E tamén acordou suspender cautelarmente as autorizacións dos parques da Lagoa en Zas e de Monte Corbal en Bergantiños, pois que doutro xeito a construción dos devanditos parques podería xerar moi graves prexuízos ao ambiente, actividades económicas e poboación da contorna atinxida.
Foron decisións xudiciais todas adoptadas consonte claras regras xurídicas. Mais o lobby eólico (CEG, a patronal eólica galega e o sindicato CC. OO) vén de dirixir unha desaquelada e ilexítima ofensiva contra o máis alto Tribunal do noso País pretextando… falla de seguranza xurídica!! Mais son precisamente os Tribunais os que interpretan e aplican a Lei nos Estados de Dereito. Velaí a ferreña e inédita reacción da propia Sala de Goberno do TSXG rexeitando estas indignas presións.
Cómpre lembrarmos as causas polas que se están a recorrer as autorizacións da Xunta (e moi axiña do Goberno central): prexuízo aos acuíferos, á flora, fauna e patrimonio ambiental, dano ao patrimonio cultural, incompatibilidade dos parques proxectados coas actividades empresariais (gandería, agricultura, turismo rural…) da contorna atinxida, prexuízo aos residentes (ruído, exceso de luminosidade…).
Europa precisa xerar electricidade de fontes renovábeis. Máis a nosa Galicia xa sobardou no 2021 en máis dun 57% os obxectivos da UE para o 2030. Non se nos poden pedir máis sacrificios ambientais, demográficos e económicos, agás que se dea unha reviravolta na lexislación e xestión desta clase de instalacións enerxéticas, de xeito que se nos compense abondo, tanto ao País en xeral como as comunidades que sofren esta enxurrada. Senón mellor vai ser que leven os muíños para a serra madrileña, onde non hai nin un por elementais razóns de protección ambiental.
Cómpre lembrarmos, tamén, que ningún programa electoral dos partidos unionistas (PSOE, PP, Sumar) achega solución ningunha para esta enxurrada eólica nin tampouco para o control da eólica mariña no prexuízo da nosa pesca e do noso sector mar-industria. De certo que só o BNG recolle no programa electoral a defensa dos nosos intereses fronte a este lobby. O mesmo lobby que integra arestora ás mesmas CC.OO., que seguen a apoiar a exacción colonialista de ENCE na ría de Pontevedra.

Alcoa: dous gobernos inoperantes

O xornalista galego José Luis Gómez vén de explicar a xeito que o problema do proxectado peche da factoría de aluminio primario de Alcoa non é só -nin nomeadamente- un problema de tarifa eléctrica, senón unha decisión que xorde da nova fasquía de Alcoa desde o 2014, orientada estratexicamente cara á fabricación de motores para a industria aeroespacial e alúmina. Velaí que queira pechar a fábrica de aluminio de San Cibrao como pechou outras catorce no mundo. Mais quere manter a fábrica de alúmina (moito máis intensiva, por certo, no uso da enerxía eléctrica) e o uso excluínte dun porto público -o mariñao de San Cibrao-.
O eventual peche da fábrica de aluminio primario en San Cibrao xeraría un problema ambiental moi grave por mor da súa balsa de lodos vermellos, de 87,42 ha. de capacidade e xa case chea. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de denunciar os gravísimos riscos para a vida humana e animal, para o ambiente natural próximo e máis para as actividades acuícolas que se desenvolven na veciñanza.
Para máis, Alcoa recibiu nos últimos anos 38 M€ de subvencións públicas que poderían serlle reclamadas de volta no caso de pecharen a devandita fábrica de aluminio primario.
Con todos estes dados ,o Goberno do Estado semella non se decatar do contexto e non tira proveito das súas armas: uso excluínte por Alcoa do porto público para a súa actividade esencial de produción de alúmina, reclamación dos 38 M € achegados en axudas públicas e busca de socio industrial para unha estatalización viábel no novo marco xurídico da Unión Europea.
Pola súa banda, a Xunta de Núñez Feijóo semella non se decatar da forza que habería facer co eventual incumprimento ambiental de Alcoa. Tampouco que Alcoa podería ser suxeito esencial do Consorcio aeroespacial que se quere desenvolver (semella, tamén que sen alicerces estábeis) a medio da estrutura física de Rozas-Lugo e da titulación universitaria da Uvigo no campus de Ourense. Nin das posibilidades xurídicas de nacionalización desde as competencias industriais do Goberno galego.
Desde o coñecemento do contexto económico amosado polo xornalista José Luis Gómez e do contexto xurídico (europeo, estatal e estatutario galego) reflectido nas recentes manifestacións do profesor da UDC Carlos Aymerich, semella que a proposta de máximos do conxunto da sociedade mariñá e do BNG, UGT, CC.OO e CIG é a única viábel. E que os Gobernos galego e do Estado, desde a súa inoperancia industrial a respecto do problema de Alcoa, constitúen arestora parte do problema.
Certo tamén que a adicional inoperancia do Goberno do Estado a respecto do estatuto da industria electrointensiva é fulcral para a sobrevivencia de Ferroatlántica, Megasa e outras varias industrias galegas. Mais esta é outra historia.

Un bo trato para Galicia

Artigo publicado en Luzes o 15 de xaneiro de 2020. A versión orixinal pode consultarse aquí.

Dicía Lord Palmerston que os países non teñen amigos nin inimigos, senón intereses. Galicia como vello país europeo non constitúe ningunha excepción exótica. Na negociación do pacto de investidura do socialista Sánchez Pérez-Castejón o BNG tivo dous acertos importantes:
1. Primeiro amosar unha rapidez de reflexos pouco común na historia recente dunha organización moitas veces pexada pola falla de capacidade para decidir coa inmediatez que esixen uns nosos tempos máis gasosos que líquidos. O venres 3 de xaneiro coñecíase o veto dos cántabros do PRC e a posibilidade certa do voto en contra da deputada canaria Ana Oramas (CC). O BNG acadou ese serán uns acordos sobre unha axenda moi mallada xa nas negociacións de semanas anteriores, malia que até o tremor de pernas socialista desa sexta feira había moitas propostas galegas pouco asumidas aínda polos de Ferraz.
2. Despois, priorizar unha axenda galega de intereses nacionais absolutamente nacional e interclasista. No informativo Bos días da TVG, o mércores 8, tanto o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) como o secretario xeral nacional de CC.OO.-Galicia coincidiron nas súas prioridades sociais e estas eran as pactadas polo BNG para investir a Sánchez o venres 3. O BNG priorizou os intereses nacionais (tamén das maiorías sociais) sobre os de clase, e amosou un fondo coñecemento dos problemas sectoriais do país para efectivizar as medidas precisas para a posta en marcha da axenda.
Malia estas positivas realidades, a complexidade da formación das maiorías, os distintos intereses territoriais e sociais en xogo e a demostrada falla de sentido común (nomeadamente agravada dende as eleccións de 2015 até de agora) das esquerdas españolas coaligadas no novo Goberno, poñen en risco o cumprimento minimamente satisfactorio desta axenda e esíxelle ao BNG unha actitude vixiante e externa («eéste non é o noso Goberno» dixo no debate de investidura o deputado do BNG Néstor Rego), ben afastada das adhesións de partidos que non partillan no novo Goberno, como Más País, Compromís e mesmo Nueva Canarias.

Ampliarmos o autogoberno
No eido dos acordos concretos o pacto dispón transferir a totalidade de competencias pendentes no Estatuto (sic; o que cómpre transferir son os medios e servizos adscritos, pois a competencia perténcelle a Galicia dende a aprobación do Estatuto) e mais as competencias estatais reclamadas consensuadamente polo Parlamento no pasado.
Poucas cousas ilustrarán máis a lóxica trampulleira do unionismo que a constatación desta realidade: España leva incumprindo a lei con Galicia 39 anos!! Sectores da actividade pública atribuídos ao poder galego en virtude do Estatuto de 1981 están aínda retidos polo Estado. Son, basicamente, as materias acordadas polo vicepresidente Anxo Quintana co Goberno do Estado na Comisión Mixta de Transferencias I(CMT) de decembro de 2008, e que foron inmediatamente arrumbadas no esquecemento por Núñez Feijóo e o responsábel sectorial Rueda Valenzuela. Nomeadamente museos, arquivos e bibliotecas de titularidade estatal (xa xestionados autonomicamente), xestión de bolsas de estudo e Inspección de Traballo.
Mais tamén se reflicte a transferencia de competencias estatais que foran obxecto no pasado de reivindicación consensuada dende o Parlamento de Galicia. Esta cláusula é susceptíbel de activar a transferencia ou delegación estatal, vía lei orgánica, ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución, de competencias moi importantes. Dende logo, o tráfico e seguranza viaria (coa atribución da Policía de Tránsito) e a xestión da AP9, porque estas foron obxecto de cadansúa proposición de lei, aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia. Rexeitada polo Congreso, no caso do tráfico, e caducada nesa cámara no caso da AP9. Mais na CMT deseñada no noso Estatuto, partillan cadansúa representación dos grupos parlamentarios todos do Pazo do Hórreo. Velaí que toda proposta de Galicia no pasado en sede de CMT (conselleiro Pita co ministro Sevilla (2004), vicepresidente Quintana co ministro Sevilla (2006), vicepresidente Quintana coa ministra Salgado (2007 e 2008) poida interpretarse, para os efectos do pacto de investidura, como «competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego». Son os supostos do salvamento marítimo, o ordenamento do litoral e xestión do dominio público marítimo-terrestre e da bacia Miño-Sil, a ordenación do sector pesqueiro en augas exteriores, a meteoroloxía e os institutos estatais de investigación mariña na Galicia.
En calquera caso, pactouse que sexa na bilateralidade da CMT onde se concreten os procesos correspondentes, prevéndose convocar este órgano no actual primeiro trimestre de 2020. Todo isto no horizonte do pulo «…ás reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza…», garantíndolle a Galicia o mesmo status que Catalunya e Euskadi, no suposto de calquera modificación futura da estrutura territorial do Estado.

Infraestruturas básicas, ambientais e produtivas
Canda a transferencia prevista para o 2020 da AP-9, e mais a gratuidade do treito Vigo-Redondela, prevé garantírselles aos usuarios un mínimo do 100% da peaxe de retorno no caso de usuarios (tanto consumidores como profesionais) recorrentes. Subvención que habería fornecer a Administración do Estado tras a aprobación dos Orzamentos de 2020.
No eido das infraestruturas ferroviarias está prevista a modernización dos treitos A Coruña-Ferrol, Vigo-Raia portuguesa, FEVE Ferrol-Xixón e Ourense-Lugo, a conexión ferroviaria dos portos exteriores de Ferrol e A Coruña e a garantía orzamentaria para a ampliación do Corredor Atlántico europeo co itinerario A Coruña e Vigo-Ourense-León.
Tamén se contempla o reactivamento da dragaxe e recuperación da ría coruñesa do Burgo, a reversión e ulterior recuperación dos terreos de ELNOSA en Pontevedra e mais o traslado da planta de ENCE.
Capítulo importante é o da compatibilización da transición enerxética coas necesarias compensacións sociais e territoriais. Albíscase a incorporación das centrais térmicas das Pontes e Meirama-Cerceda ás estratexias de reindustrialización das rexións mineiras, en igualdade de trato cos procesos até o de agora privilexiados de Aragón, Asturies e Castela e León. E infírese a participación dos sindicatos máis representativos do país nos órganos de supervisión da transición enerxética.
Así mesmo, ocupa un lugar privilexiado no acordo de investidura o Estatuto de Empresas Electrointensivas, coa finalidade de diminuír a factura eléctrica destas coa esixencia correlativa de investimentos destinados ás empresas para reducir o impacto ambiental e ampliar o emprego directo. Garántese tamén aquí a participación dos sindicatos máis representativos de Galicia. E recóllese o estudo dunha futura compensación tarifaria para todos os consumidores dos países produtores de enerxía, como Galicia.
Cómpre salientar tamén os compromisos dunha axenda reindustrializadora, con nomeada atención á industria naval, a participación do Estado no 50% dos custos do sistema de dependencia (prevista legalmente dende 2006 e nunca cumprida) e mais a creación de Xulgados de Violencia contra a Muller en Compostela, Lugo e Ourense.

Un bo trato
Tendo en conta as circunstancias da negociación, e o único voto que achegaba o BNG a avaliación do pacto ha ser positiva. Sen dúbida ningunha é un bo trato.
Mais é sabido que as persoas máis semellantes aos españois de dereitas son os españois de esquerdas. O PSOE, nomeadamente, ten unha dinámica moi característica de atender cando precisa dun e esquecer os seus compromisos cando xa non lle cómpre. Os compromisos adquiridos precisarán da súa execución, actualización e seguemento, nomeadamente na negociación da lei de Orzamentos de 2020 e posteriores. Para isto precísase dun BNG inequivocamente na oposición construtiva, representando intereses nacionais e interclasistas e alleo á dinámica dunha coalición progresista de goberno que constitúe, simplemente, un mal menor. Moito menor, si. Mais, de todos os xeitos, un mal menor.