O Patrimonio da Igrexa Católica en Galicia. Os seus límites fronte ao patrimonio demanial público e comunitario

Artigo publicado no número 22 da Revista galega de pensamento cristián Encrucillada, correspondente a marzo-abril de 2021. Pode descargarse aquí, ou lerse a continuación:










O imperio español e as súas elites extractivas

España nunca foi nación nin unión estábel e voluntaria de países e cidadáns.

Algo de historia
Castela sempre xogou ser un Imperio. Ben o saben os cataláns, que loitaron até a morte no 1714 sabedores da que lles viña enriba. Tamén os fillos da Euskal Herria defensores do equilibrio social das leis vellas, sobre todo na guerra de 1833-1840. Ou os portugueses cando recuperaron a súa independencia no 1640, xusto cando andaluces e cataláns revolvíanse tamén en defensa das asúas liberdades. En canto a Galicia axiña entendeu que a unión persoal do reino de Galicia co de Castela na persoa de Fernando III (II de Galicia) no 1230 ía supor a asimilación… Velaí as revoltas galegas de 1369 e 1474, cando amplos sectores da aristocracia e da burguesía vilega galegas defenderon a reunificación galego-portuguesa e o noso afastamento de Castela. Velaí a revolta cívico-militar galega de 1846, que quixo restaurar as liberdades galegas e a xustiza social fronte á ditadura borbónica de Narváez.
A Coroa de Castela exportou ás Indias as institucións propias do vicerreinado concibidas para a opresión do reino de Galicia: Adiantados Maiores ou Gobernadores e Capitanías. E, despois do setembro a lume e ferro de 1714, ocupada pola rapacidade dos Borbóns, deseñou unha España peninsular gobernada desde a mentalidade do Imperio.
E, como dicía o castelán Nebrija, siempre fue la lengua compañera del Imperio. A imposición do castelán non foi un invento de Franco. Porque xa os Borbóns do XVIII consagraron a exclusividade da lingua castelá nas escolas públicas e privadas. En 1896 a lei impuxo a prohibición do catalán, euskera, galego e asturiano nas comunicacións telefónicas.

A radialidade das comunicación peninsulares
O primeiro Borbón, Felipe V, despois de derrogar as liberdades catalás, valencianas, mallorquinas e aragonesas, aplicouse á tarefa de definir unha rede de estradas penisular radial, con centro na entón pequena vila de Madrid, malia constituír (daquela e hoxe en día) os eixos atlántico (galego-portugués), cantábrico, mediterráneo e o do val do Ebro os vectores que conectaban os territorios produtivos.
O Estado liberal do século XIX trasladou esta radialidade á rede ferroviaria, até chegarmos ao AVE actual, que penaliza o transporte de mercadorías a respecto do de pasaxeiros e prioriza até o absurdo o hub madrileño. Lembremos os 6.200 M€ (máis dun billón -con “b” de burro- das vellas pesetas) que os fondos europeos destinados ao reequilibrio territorial soterraron no novo aeroporto de Madrid-Barajas. Ou o resgate das “súas” autoestradas madrileñas.
A teimosía do Imperio en manter a radialidade chega ao absurdo de pretender que o eixo mediterráneo pase por Madrid ou pola recente priorización da alta velocidade ferroviaria Lisboa-Madrid na cimeira luso-española do último outubro, priorización decididamente rexeitada por un Goberno portugués que sabe que a súa prioridade, canda as da cooperación transfronteiriza europea, é o eixo Compostela-Vigo-Porto-Lisboa.

Recentralización económica e dumping fiscal
Foi, pois, un proxecto imperial e non inclusivo o que empoderou Madrid como capital política e centro do sistema de infraestruturas do Estado. Como vén de lembrar Ferran Martínez en Valencia Plaza, desde mediados do século XX (engadiríamos nosoutros que, nomeadamente, dende a involución territorial de 1981-82) estas foron as pancas para converter Madrid no centro neurálxico das finanzas, a sede das grandes empresas españolas (fenómeno radicalizado ad infinitum despois da ondada privatizadora das empresas públicas da SEPI nos últimos anos de goberno de Felipe González e primeiros do aznarato). Hoxe en día Madrid é a sede de máis da metade das principais 1.000 empresas españolas. O 60% das licitacións publicas son adxudicadas a empresas con sede en Madrid. Case o 30% dos funcionarios públicos e o 21% dos empregados máis cualificados traballan na rexión madrileña. Malia ter só 1,6% do territorio amorea un 19,2% do PIB estatal e absorbeu o 85,2% do investimento directo exterior. A súa renda per cápita anual está por riba dos 35.000 €, un 36% por riba da estatal e un 16% por riba da europea. E todos estes números cunha participación industrial no PIB madrileño de só un 10%.
O Estado das Autonomías ofreceulle a Madrid, ademais, a posibilidade de se converter nunha comunidade autónoma con competencias fiscais equiparábeis a calquera outro territorio, cando o efecto-sede da súa cualidade de capital política e centro neurálxico aconsellaba: i) reducir o devandito efecto-sede descentralizando institucións e servizos públicos ou favorecendo a especialización doutras cidades, como ocorre nos sistemas federais alemán, australiano ou canadiano, e ii) definir Madrid como distrito federal ou como parte de Castela, evitando a posibilidade do actual dumping fiscal.
Porque a inducida retroalimentación da economía madrileña xerada polo efecto sede, xunto cos amplos investimentos públicos dos que se beneficia e unha política económica que privatiza servizos e afonda nas desigualdades, mesmo intramadrileñas (moitos soldos nos sectores de coidados e hostalería son verdadeiramente baixos) atraeron a Madrid a residentes doutros territorios de grandes rendas e patrimonios, para desfrutar do seu marco fiscal favorábel ás grandes fortunas, quer no IRPF e Patrimonio, quer no Imposto de Sucesións.
Das resultas do proceso de recentralización económica, potenciación do efecto sede e hub de toda caste de infraestruturas de transporte e dumping fiscal Madrid baleirou a Meseta e está a piques de baleirar o propio Estado español, nun continuo efecto aspirador.
Convén precisar que este proceso, como xa vimos, ten raiceiras na antiga Coroa de Castela, continuou cos Borbóns, afondou co Estado liberal, a Restauración e o franquismo e presidiu a xestión dos gobernos do PP e do PSOE durante toda a transición, sen que a esquerda española fixese a menor autocrítica a este proceso, agás puntuais críticas do último goberno socialista andaluz.
Certo é nos últimos cinco anos xurdiu unha potente crítica desde a Generalitat valenciana, gobernada polo PSPV e Compromis, alicerzada polos estudos do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas. Unha crítica que, por primeira vez desde posicións socialistas, relaciona o efecto sede ou aspiradora co dumping fiscal, sen analizar illadamente este.
Cando isto escrebo recebín unha mensaxe de whatsapp vía un persoeiro da Federación Socialista madrileña que denuncia que a deterioración dos servizos públicos madrileños só é posíbel pola recadación inducida polo efecto-sede, mais considera que Madrid constitúe o laboratorio da dereita española para todo o Estado desa deterioración como vía á súa redución e privatización. Benvidos á realidade.

As solucións políticas
Sen o PSOE, pola súa posición fulcral no taboleiro político, non será posíbel unha solución político-territorial a este problema. Neste senso, esa concienciación da periferia socialista é positiva, mais non é abondo, nin serve para achegarmos unha solución. Non mentres sexa tabú a Institución monárquica, chave de bóveda do sistema do palco do Bernabeu e a descentralización real do Poder político e económico.
Como vén de escribir no seu blog Iñaki Anasagasti (aloxado no xornal vasco Deia) Madrid constitúe a sede das elites extractivas do Estado: a Casa Real, o corpus político, moreas de altos funcionarios, cimeira xudicial e militar, consellos de administración e principais asesores das maiores empresas… Unha poboación que non produce, mais que precisa de moreas de recursos. Unhas elites que manteñen o poder económico e político (goberne quen goberne na praxe, vid. caso Pérez de los Cobos), que manexan o Deep State e que, como di Anasagasti “…no conciben un modelo territorial que no rodee la Puerta del Sol, pero además han sido capaces de generar un proyecto de Estado que aglutine a los que ellos llaman la periferia que cada vez más, es aquello más allá de la M-30”.
Estas elites abusan da xente e mesmo traizoan á propia cidadanía do Estado, como ten escrito recentemente Paul Preston, mais foron quen a partillar cosmovisión con sectores populares previamente encirrados contra os soberanismos catalán, vasco, valenciano ou galego, os sectores do “a por ellos”, que son os que máis sofren do absurdo deste Estado dominado por esas elites extractivas do palco do Bernabeu. Mais este consenso entre moitos dos de embaixo cos de enriba só é posíbel porque España non construíu ao longo da historia unha convivencia democrática de cidadáns, senón un Imperio de súbditos.
Se a esquerda española entendese que a chave do progreso económico, da liberdade e da xustiza social pasa pola reformulación dos Poderes políticos e económicos do Estado en chave federal ou confederal (e sempre plurinacional) habería unha oportunidade para esa transformación. Mais, despois do camiño que adoptou o PSOE despois do discurso real do 3-Ou, despois do seu apoio ao 155 e da súa defensa da irresponsabilidade e corrupción monárquicas, os soberanistas periféricos temos dereito a ser desconfiados.
Estou con Iñaki Anasagasti cando di que España estará máis perto dunha reorganización en chave federal e plurinacional que viabilice mesmo a súa economía e a súa débeda se Catalunya acada de vez a súa independencia. Porque, como dixo o político do PNV “…si el 20% del PIB estatal desaparece España tendrá que cambiar de modelo de gestión, sí o sí”.

Cárcere e liberdade de expresión

Velaí o grande balbordo xerado polo prendemento de Pablo Hásel para que cumprise unha pena de nove meses de cárcere imposta pola chamada “Audiencia Nacional” (Tribunal de excepción que vulnera o principio constitucional do xuíz natural da Convención europea de dereitos humanos-CEDH) polos delictos de inxurias ao anterior Xefe de Estado e aos funcionarios policiais e de louvanzas ao terrorismo. Un Hásel a quen lle fora suspendida outra pena de dous anos de cárcere polo delicto de loubanzas ao terrorismo no 2014, pola súa falla de antecedentes.
Vaia por diante que o Hásel foi tamén condenado polos Tribunais de Lleida (os seus xuíces naturais, por certo e a medio de sentenzas até de agora recorridas e, xa que logo, non definitivas) a penas de cárcere por ameazar e agredir a unha testemuña e por agresión a un xornalista de TV3. Son estes delictos que non teñen nada a ver coa liberdade de expresión e polos que o Hásel habería apandar coas consecuencias dos seus actos en calquera Estado democrático europeo no suposto que estas condenas ou algunha delas fose confirmada.
Mais non importa o trobador (bastante cativo e ruín, por certo, neste caso), senón a trobada. Porque o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), que interpreta e aplica a CEDH e que constitucionalmente é o máximo Tribunal español no eido dos dereitos humanos, ten dito moitísimas veces que queimar bandeiras, criticar acedamente, mesmo con verbas inxuriantes, aos funcionarios públicos ou ao Xefe do Estado, ou louvar accións violentas -terroristas ou doutra clase- non constitúen delicto ningún e, xa que logo, calquera Tribunal europeo ha absolver as persoas acusadas desta clase de condutas.
Que condutas de expresión han ser castigadas, segundo o TEDH? Pois nin máis nin menos que as que constitúen unha provocación, conspiración ou proposición para a agresión ou delicto violento, ou as ameazas e coaccións. E que son ameazas? O anuncio incondicional de futuras agresións violentas. E que son coaccións? O anuncio condicionado de futuas accións violentas se o coaccionado non se comporta como se lle require.
É dicir, o que di a xustiza europea (como tamén o Tribunal Supremo dos USA) é que só cómpre sancionar penalmente as expresións que ameacen, coaccionen ou chamen de xeito actual ou potencialmente eficiente á agresión directa ou indirecta. Por certo, os mesmos principios que rexían o tipo penal de apoloxía do terrorismo até o 2000, cando Aznar e Zapatero decidiron amplialo a calquera expresión que louvase as accións terroristas.
Queimar a bandeira dos USA non é delicto. Chamar delincuente por accións desenvolvidas por mor do seu cargo a Biden, ao rei Wilhelmus ou a raíña Elisabeth non é delicto.
A liberdade de expresión habería ser o máis potente alicerce da nosa convivencia.

Madrid: doping & dumping

O profesor Xavier Vence (USC) apréndenos o fondo proceso de recentralización económica sofrido polo Estado a prol da rexión madrileña, alicerzado desde os anos 80 do ano pasado sobre tres procesos: i) a privatización das empresas públicas do antigo INI durante grande parte da época de Felipe González e do aznarato (1986-2000), ii) a progresiva centralización das sedes operativas de bancos, construtoras e distribuidoras eléctricas en Madrid (lembremos a derrota do capital galego fronte a Florentino Pérez -axudado por Botín- no 2006) e iii) a concentración de todos os aparellos centrais de Estado en Madrid.
Segundo o Institut Valencià d`Investigacions Econòmiques a rexión de Madrid acadou o 44,5% do total dos investimentos estatais entre 1988 e 2018, cando só representa o 15% da poboación e o 19% do PIB estatais. Na rexión viven o 29% dos funcionarios públicos do Estado. Un 100% máis do que lle cumpriría ao seu peso demográfico.
Madrid é unha aspiradora que depreda seguido os titulados superiores do resto do Estado, beneficiándose dos investimentos en formación dos gobernos autonómicos periféricos e da absurda radialidade das redes de estradas e ferrocarrís estatais. Velaí o caso da conexión de alta velocidade con Lisboa, que Portugal quere con Galicia, como nos tamén precisamos e Madrid arela pola Meseta, convertendo Lisboa nunha nova estación término do seu sistema tentacular.
Madrid xa baleirou case toda a Meseta e vai camiño de baleirar a Península ibérica toda. Porque, ademais de ir dopada de investimentos e recursos, exerce un claro dumping fiscal, a medio de rebaixas substanciais de impostos que os outros territorios non se poden permitir. Mesmo nin os que desfrutan de réxime foral.
Cómpre aquí fiar fino. A autonomía financeira é consubstancial ao autogoberno. Galicia precisa acadar a plena transferencia da xestión, inspección e recadación de todos os tributos. A competencia entre xurisdicións fiscais territoriais é boa.
Mais é boa cunhas regras comúns de xogo que o Goberno rexional de Madrid non cumpre dende hai vinte anos. Porque a substancial rebaixa do IRPF autonómico (que pesa o 50% do imposto) atrae ducias de milleiros de residentes que desfrutan de rendas moi altas. O que non tería máis importancia se non fose porque estes cidadáns seguen consumindo os servizos públicos (nomeadamente sanitarios) dos seus lugares de residencia efectiva.
Doping & dumping. Reverter a recentralización económica é fulcral para a viabilidade da maioría dos territorios do Estado.

Menos mal que nos queda Portugal

Xa cos primeiros Borbóns, a mediados do século XVIII, definíronse as comunicacións por estrada dentro da península ibérica de xeito radial, malia que daquela as estradas a Madrid chamábanlle de Castela (Madrid era daquela un pobo sen muralla nin rúas de pedra). O primeiro camiño de ferro da península foi o Matarò-Barcelona, mais axiña o favor da Monarquía borbónica e dos seus Gobernos a prol de determinados traxectos construíu unha rede ferroviaria radial con centro na vila de Madrid. Ronsel que seguiu Primo de Rivera no seu plan de estradas dos anos 20 do século pasado. Valentín Paz Andrade cóntanos como no 1925-26 a reivindicación dun bo camiño de ferro entre Galicia e Francia (fronte ao tren de Madrid que seica cumpría priorizar, segundo dicía o entón gobernador) determinou o peche do xornal Galicia que dirixía e o seu encarceramento pola decisión daquel tirano.
No franquismo radicalizouse esta radialidade a prol de Madrid, o que sabe case todo o mundo. O que xa non se coñece tanto é a salvaxe recentralización económica e potenciamento deste esquema radial que desenvolveron os gobernos de Felipe González e José María Aznar, deseñando un aeroporto xigante en Madrid, pretendido único hub aeroportuario do Estado, ao que destinaron 6.000 M€ (un billón de pts., con “b” de burro) e construíndo un tren de alta velocidade (TAV) que puxese todas as capitais de provincia “a menos de tres horas de Madrid” (Aznar dixit). Un recente estudo da Generalitat valenciana achega un dado arrepiante: entre 1988 e 2018 case o 44,5% dos investimentos públicos no Estado fixéronse na rexión madrileña, con menos do 18% do PIB e da poboación. O proxecto da España borbónico, primo-riverista, franquista, felipista e aznarista sempre foi radial e centralizado.
Na Península Ibérica existen tres eixos fundamentais en termos de transporte de mercadorías e interconexión entre portos e camiños de ferro: o eixo cantábrico Galicia-Euskadi-Francia, o atlántico A Coruña/Ferrol-Vigo-Porto-Lisboa e o mediterráneo. Tres eixos que foron abandonados durante ducias de anos, malia que arestora o valenciano ministro Ábalos tente reverter o atraso do corredor mediterráneo, o que a exministra Pastor non foi quen a facer co eixo atlántico.
Para Galicia a comunicación con Porto e Lisboa é o vector fundamental que lle garante a integración transfronteiriza entre máis de 7 millóns de habitantes (máis de 3,3 do norte de Portugal e 2,7 galegos) e a solución para levar cara a Europa as mercaderías producidas ou desembarcadas na eurorrexión. Solución, ademais, cofinanciada con folgura polos recursos da Unión Europea que quere integrar ambos os dous territorios fronteirizos e non aposta por trapalladas recentralizadoras.
Porén, o Goberno de Sánchez e Iglesias non lles está por esta solución e na recente cimeira ibérica propuxo priorizar a conexión ferroviaria Lisboa-Madrid no canto do noso eixo atlántico. Portugal, por primeira vez desde o ingreso de ambos os dous Estados na UE, priorizou os evidentes intereses atlánticos sobre esta trapallada. E esixiu a atención bilateral e prioritaria a respecto do eixo atlántico Lisboa-Porto-Galicia.
Como cantaba o noso Siniestro Total: menos mal que nos queda Portugal.

12-X (I): o fracaso de Galicia en Común

Principiamos esta xeira de análises sobre as pasadas eleccións nacionais do 12-X enxergando o grave fracaso de Galicia en Común-Anova-Marea. Porque o afundimento dos comúns é unha das conclusións ben rechamantes da xornada electoral. O partido En Marea (que este día partillou a coalición Marea Galeguista acadando só o 0,22% dos votos) integraba no verán de 2016 tamén este espazo, malia os malfadados ataques do Podemos de Echenique e Pablo Iglesias para hexemonizar un proxecto no que nunca acreditaron. Despois viñeron acontecementos tan negativos como o espectáculo de Luca Chao primeiro e a indigna argallada da ministra Yolanda Díaz e do desubicado Gómez-Reino despois ao lle impor á representación parlamentaria estatal de En Marea o voto a prol dos peores Orzamentos estatais para Galicia desde a época de Aznar. Aquí naceu o mito da deputada Alexandra Fernández, ao votar en contra desta arbitrariedade. A xove viguesa é hoxe deputada electa do BNG, tracexando o percorrido que o 12-X reproduciron ducias de milleiros de persoas electoras.
Os comúns afundíronse co 3,93% de votos fronte ao 19,07% obtido polo espazo mareante no 2016. Máis de 50.000 votos guindados ao caldeiro do lixo da historia absolutamente improdutivos. A ministra Yolanda Díaz non é quen de quitar un deputado nas eleccións nacionais do seu País. Xosé Manuel Beiras pecha o ciclo de AGE escrebindo un cero no taboleiro das marcas. Un acontecemento quizais radical, mais concorde cos efectos producidos polos erros duns e doutros actores do espazo mareante..
Como é posíbel que o ciclo dos 9 deputados da AGE das eleccións nacionais de 2012, dos 14 de En Marea nas mesmas eleccións de 2016, das alcaldías coruñesa, compostelá e ferrolá das locais de 2015 e dos seis deputados ao Congreso nas estatais de decembro de 2015 e os 5 das mesmas eleccións de xuño de 2016, rematasen deste xeito? É só un problema nado das agresións unionistas de Podemos contra un espazo que obtivo grande parte do seu éxito do seu expreso recoñecemento do dereito a decidir de Galicia? Non, tamén influíu a deficiente gobernanza local, o desleixo dos seus dirixentes a respecto dos principais problemas do día a día do País e das persoas das súas clases medias e traballadoras, o seu adanismo e a súa falla de conexión coa realidade. Non souberon porse no centro do seu electorado e atenderon andrómenas exóticas como o veganismo ou o decrecionismo no canto de analisar e tentar resolver os verdadeiros problemas reais da xente do común nas nosas cidades e no noso País.
E, ultimamente, pensaron que os problemas da nosa xente resolvíanse desde Madrid. Velaí que cometesen erros definitivos e nunca desculpábeis, polo que o ditame dos votos galegos sexa xa irreversíbel.

Galicia 2020: superarmos o dependentismo

O unionismo en Galicia (chamado historicamente españolismo) desenvolveu sempre un discurso da dependencia. Galicia sería un país de economía e xentes atrasadas, que habería atopar apaños de subsistencia na emigración, na subordinación paifoca (as nosas elites colleron torcicolo de tanto ollar cara Madrid) e na esmola ou “solidariedade” estatal. Curtos períodos de relativa liberdade e aprezo polo propio, como o primeiro terzo do século XX ou a autonomía galega, nomeadamente os gobernos autonómicos tripartito (1987-1990) e de coalición BNG-PSdeG (2005-2009), amosaron que Galicia non era un país pobre, senón empobrecido pola súa dependencia política e económica a respecto duns intereses de Estado sempre alleos aos intereses galegos. Conectados, primeiro ás tradicionais oligarquías latifundistas castellanoandaluzas e, despois, ao capitalismo castizo xerado polo franquismo e enfortalado polas privatizacións felipistas e aznaristas.
A recentralización económica operada dende o aznarato (1996-2004), reactivada polo recorte de marxes da Grande Depresión e os case once anos de goberno de Núñez Feijóo, radicalizaron esta dependencia, até o ponto de impediren as posibilidades de desenvolvemento da burguesía produtiva galega (velaí o caso do eólico), desfaceren o noso subsistema financeiro (Caixas, Bancos Pastor e Gallego) e de prescindiren progresivamente, ao tempo, da intermediación subordinada da burguesía galega máis dependente. A obsesión das elites españolas pon barreiras á globalización europea e desmonta calquera política autonómica e local eficaz para reter parte do mercado e da contratación pública ás empresas de capital galego.
Velaí que sexa fulcral, neste 2020 electoral, que os sectores produtivos e as forzas políticas galegas que poden xerar a remuda no Goberno deste país sexan conscientes da emerxencia na necesidade de despregarmos novas políticas que troncen de vez este suicidio dependentista. Políticas de reactivamento industrial e empresarial, de potenciación das novas tecnoloxías e I+D+i, de autoxestión portuaria, aeroportuaria e das nosas estradas e ferrocarrís, de uso do déficit e da débeda pública como pancas de desenvolvemento sostíbel. Políticas soberanas que garantan o uso da nosa enerxía a prol da nosa industria e un modelo de desenvolvemento eficaz do medio rural. Políticas de financiamento baseadas na autoxestión e recadación tributaria. Políticas de promoción exterior que poñan en valor a nosa posición xeoestratéxica nas canles de comunicación marítima Europa-América.
Ducias de milleiros de persoas de distintos sectores políticos e clases sociais partillan esta análise. O benestar futuro da cidadanía galega depende de superarmos o dependentismo.

Crítica dunha sentenza inxusta (II)

Na primeira xeira deste artigo non albiscábamos a conexión entre os feitos do 20-S na Consellería de Economía da Generalitat e os incidentes nos colexios electorais o 1-Ou e o delicto de sedición. Mais, á vista dos termos da sentenza do TS, o problema está na propia definición dese delicto.
Desde 1995, a rebelión atende á violencia dirixida á subversión constitucional e a sedición á violencia dirixida a impedir a aplicación da lei ou das resolucións administrativas e xudiciais. A redacción do delicto é absolutamente indeterminada e interpretábel. De feito este delicto de sedición foi derrogado hai xa 50 anos na Alemaña e constitúe un elemento estraño á comunidade xurídica europea.
A sentenza do TS interpreta por primeira vez a sedición desde a vixencia do CP 1995 e faino nun sentido claramente limitativo das liberdades, nomeadamente a de manifestación. A restrición da liberdade é tan grave que no futuro poderase condenar por sedición ás persoas que baixen á rúa para protestar contra despexos, regulacións de emprego e despedimentos, medidas cautelares de cárcere, copagamentos sanitarios, suba do prezo de servizos públicos… A nova interpretación xurisprudencial e máis a “lei mordaza” (vixente por mor da inutilidade da esquerda española) restrinxirá substancialmente os nosos dereitos. Non se trata xa de independencia, senón de liberdade.
Canto á malversación, o ex ministro de Facenda estatal, Cristóbal Montoro, negou de todo calquera aplicación de fondos da Generalitat ao referéndum do 1-Ou. Ninguén mellor que el para sabelo, pois que controlou directa e rigorosamente todos os gastos da Administración catalá entre o 13-S de 2017 até fins de maio de 2018. Na sentenza do TS considéranse malversacións propostas de gasto nunca concretadas, axudas de custo de convidados do Diplocat (organismo consorcial autónomo da Generalitat) ou o uso de centros cívicos na fin de semana. A malversación requiría neste caso dun uso manifestamente ilegal dos cartos da Generalitat no prexuízo do seu patrimonio, non meras dúbidas de legalidade administrativa no exercicio da administración do erario público.
O que latexa na sentenza como verdadeiro pecado d@s pres@s polític@s era convocar ou darlle pulo ao referéndum do 1-Ou, mais desde o 2005 non existía o delicto de convocatoria dun referéndum ilegal, introducido por Aznar dous anos antes como arma contra o goberno do PNV e o seu Plan Ibarretxe.
Como dixemos no antonte, a lóxica da sentenza do TS é política (represiva) e non xurídica.

Vantaxes da mediación

A cidadanía coruñesa vén de coñecer de xeito moi directo as vantaxes da mediación. No 1997 o Goberno local de Paco Vázquez outorgoulle a Fadesa unha licenza para construír un edificio na antiga sede da eléctrica galega. A licenza era ilegal e así foi declarado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Executar a sentenza determinaba derrubar o edificio todo e botar á rúa centos de familias. O Concello coruñés ofreceulle ao recorrente e á Comunidade de Propietarios do edificio unha mediación, que desenvolveu o antigo Presidente do Tribunal Supremo, Pascual Sala. Derrubar custaría en indemnizacións e custos materiais uns 60 M€, que arruinarían o concello. A mediación garantiu a vivenda das familias atinxidas e un novo edificio de 50 vivendas de protección autonómica que será promovido polo concello. Velaí solucións a problemas que evitan o dano que xera a aplicación rigorosísima da lei. Agora o que cómpre é pedirlle responsabilidades económicas ás persoas responsábeis da licenza ilegal de 1997.
Pola súa banda, a mediación política soluciona conflitos porque é quen de enfrontalos sen apriorismos nin prexuízos, recoñecendo o terreo para determinaren as posicións, pretensións e posibilidades de cada unha das partes, avanzar explorando as posicións comúns e avaliando as diferenzas, para aproximar as partes cara a solucións imaxinativas que supoñan vantaxes para cada unha das mesmas.
Houbo mediación para acadar os acordos do Venres Santo de 1998 que pacificaron Irlanda. Aznar e González usaron da mediación para tentar pór remate á violencia de ETA e Zapatero usouna para acadar a fin da mesma. Rajoy e Puigdemont relacionáronse a través do lehendakari Urkullu como mediador despois do referéndum catalán do 1-O.
Velaí que hoxe máis ca nunca a cuestión catalá precisa dunha mediación, mellor ben afastada das partes en litixio, como o estaba Pascual Sala dos actores do conflito coruñés. No caso catalán, refugar a mediación é optar, como fai a extremista Santa Alianza da dereita tripartita española, polo conflito, pola represión e polo cárcere.
Pedro Sánchez adoptou a peor decisión. Despois de alporizar ao nacionalismo extremista español, amosoulle ao conxunto de forzas progresistas e soberanistas o seu medo fronte a esa Santa Alianza, rachando un diálogo ao que está constitucional e politicamente obrigado e suprimindo a posibilidade de mediación no conflito catalán.

Postverdade do presidente

Na recente mensaxe da Fin do Ano, Núñez Feijóo defendeu implicitamente a supresión indefinida da autonomía catalá que defenden PP, Cs e Vox, negando ademais que en Catalunya exista conflito ningún. A mensaxe adoptou como marco o cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao. O Presidente chegou usar a mensaxe da pintura para xustificar a súa andrómena, porque disque Castelao xa nos avisou das probábeis resultas das agresións á convivencia.
Teño para mín que esta é unha das interpretacións postverdade máis desaqueladas deste século. Porque Afonso R. Castelao e Alexandre Bóveda (de quen Castelao adopta a fasquía facial que pinta no mestre asesinado) eran uns grandes artista e economista, si, mais por riba de todo foron os líderes políticos do Partido Galeguista que foi quen de acadar o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia (1936) como concreción intermedia e temporal do dereito a decidir de Galicia que defendían, o mesmo que o dereito a decidir da Catalunya.
Xustificar a supresión do autogoberno catalán diante do cadro de Castelao é, xa que logo, un exercicio de cinismo político. Para xustificar a mensaxe deitada puido escoller o Presidente unha foto de Aznar ou Carrero Blanco, mais non unha pintura de 1944 baseada nun debuxo de 1937 creado para denunciar internacionalmente a represión franquista sobre Galicia, onde matou milleiros nun país que non coñecera guerra civil ningunha, senón só violencia da parte dos que mataron ao mestre pintado polo patriota rianxeiro.
Para máis, dende a perspectiva dunha mensaxe da fin do ano do Presidente dun país, Núñez Feijóo calou sobre os principais problemas do País. Nada falou da sanidade canda o colapso das urxencias da capital compostelá e da asistencia primaria da área sanitaria de Vigo. Nada falou da colonial imposición que sofrimos os galegos pagando os carburantes e a enerxía eléctrica máis caros do estado, cando somos quen refinamos o crú e producimos a electricidade. Nin tampouco da penalización da meirande suba da peaxe do estado español na AP-9 (3,51%), vía sen alternativa de balde que dá servizo ao 70% da poboación deste país. Xa nin falamos da minguante evolución da demografía e da poboación activa, que amosa o fracaso económico do dependentismo feijoniano.
O Presidente tenta agachar a súa ineficacia cun discurso anticatalán. Unha xustificación cativa para o fracaso da súa política dependentista.